A tecnoloxía galega Aerial Surveillance ponse a disposición dos concellos para garantir praias seguras

venres, 12 de xuño do 2020 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede na Universidade de Vigo, e máis a empresa Aeromedia, con centro de operacións en Oleiros (A Coruña), xuntaron forzas para conseguir, con tecnoloxías de Intelixencia Artificial e dispositivos aéreos non tripulados, que as nosas praias sexan lugares o máis seguros posíbeis este verán. Ou sexa, que sexan espazos que garantan as medidas de control anti-COVID e que non cheguen nunca a estar masificados (asegurando a distancia mínima entre bañistas, que é de dous metros, e que non haxa grupos de máis de 15 persoas). O resultado da colaboración chámase Aerial Surveillance e xa está disposición dos nosos concellos.
Co “obxectivo de facilitar o equilibrio que garante a saúde de todos á vez que o goce das praias e outras contornas naturais”, Aeromedia e Gradiant deseñaron un sistema que, baseado en IA e mediante un software de análise intelixente de vídeo en drons, permite a detección e o reconto preciso do número de persoas e embarcacións nas praias de forma automática e en tempo real.
Esta solución tecnolóxica parte do emprego de vehículos aéreos non tripulados, que realizan as súas rutas de voo nos horarios previamente fixados para tomar as imaxes da praia que logo son sometidas a análises e son procesadas en tempo real a través da Rede. Finalizado o proceso, o sistema devolve as imaxes á web indicada polo cliente. Aerial Surveillance xa foi contratado por 25 areais en España, e atópase dispoñíbel para a súa implantación nos concellos que o desexen.

PUBLICIDADE