A tecnoloxía de lentes de Google achegarase a Galicia a través dunha serie de charlas

venres, 11 de abril do 2014 Marcus Fernández

O director de proxecto de Mundo Glass, Andreu Ibáñez, profesional con máis de 25 anos de experiencia no sector TIC que actualmente dedica boa parte do seu tempo a tecnoloxías de Google entre as que destaca Glass, visitará Galicia os vindeiros días 24 e 25 convidado polos Grupos de Desenvolvedores de Google (GDG) das cidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña (estes dous últimos de recente formación), aproveitando para impartir relatorios sobre a tecnoloxía de Google Glass en cadansúa cidade, o que será unha excelente oportunidade para ver os populares lentes de Google en funcionamento.
O primeiro destes eventos será o xoves 24 ás 12:40 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, onde Ibáñez fará unha demostración interactiva das Google Glass, comentando os seus diferentes aspectos técnicos e algúns proxectos nos que traballa, como Liquid Galaxy. Está previsto que esta actividade teña unha duración aproximada dunha hora.
O venres 25 de abril ás 19:00 horas está programo un relatorio sobre Google Glass e Android Wear no Club Financeiro de Vigo, no que buscarase dar un enfoque máis profesional sobre a tecnoloxía wearable de Google.
Está previsto que durante o venres Andreu Ibáñez visite tamén a cidade da Coruña para impartir outra das súas charlas sobre Google Glass, da que daremos conta cando se confirme o lugar e a hora na que terá lugar. Aínda que inicialmente agardábase a celebración dun encontro na Coruña, por motivos loxísticos non poderá ter lugar nesta ocasión.

Andreu Ibáñez amosará a tecnoloxía de Google Glass na súa xira galega

PUBLICIDADE