A tecnoloxía de Gradiant para o recoñecemento facial dos viaxeiros, presente en FITUR

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O salón FITUR que se está a desenvolver en Madrid constitúe unha xanela ao turismo pero, tamén, á innovación de vangarda ligada ao turismo. Un exemplo disto é a solución faceIDNN do Centro Tecnolóxico Gradiant, unha tecnoloxía biométrica cunha completa listaxe de posibilidades para facilitar a operativa dos viaxeiros e dos lugares que acollen os viaxeiros. Por que motivo? Pois porque, entre outras cousas, permite que un establecemento hoteleiro saiba que un cliente é quen di ser (sen a marxe de dúbida e intuición existente nos procedementos tradicionais) só con comparar a súa faciana coa fotografía do DNI, carné de conducir ou pasaporte. A eficacia da solución baséase nas técnicas de recoñecemento facial desenvolvidas por Gradiant, que comproban en tempo real se dúas imaxes pertencen á mesma persoa.
A solución faceIDNN preséntase (até o 21 de xaneiro) en FITUR da man de Roommatik, que conta con presenza de seu na feira madrileña (pavillón 1010F30) e que permite probar a tecnoloxía galega ao tempo que dá conta da súa experiencia con ela na procura dun chek-in seguro en hoteis.
Segundo nos conta Gradiant, faceIDNN constitúe o elemento de seguridade, usabilidade e calidade que moitas das empresas do sector turístico estaban agardando. Entre as principais características desta tecnoloxía figura a de ter sido equipada cun motor de recoñecemento facial baseado en Deep Learning axeitado para os procesos de onboarding dixital (solucións de identificación electrónica de persoas) e de Know Your Customer (KYC). Por outra banda, faceIDNN tamén é salientábel por cumprir cos requirimentos legais que se lle esixen a este tipo de ferramentas, e, en palabras de Gradiant, “adáptase perfectamente aos procesos de check-in que requiren o carné de identidade do cliente ou a verificación co pasaporte”. Ademais, engade o centro tecnolóxico galego, “evita os ataques de suplantación de identidade mediante o emprego de mecanismos de detección de vida que combinan técnicas colaborativas e non colaborativas”.

PUBLICIDADE