A tecnoloxía centra moitas das bromas do Primeiro de Abril

luns, 1 de abril do 2013 Marcus Fernández

Google anunciou unha tecnoloxía de olores co gallo do Primeiro de Abril

O 1 de abril é unha data moi especial en moitos lugares do mundo, por celebrarse o April Fools’ Day ou Primeiro de Abril, o que serve de escusa para desatar a imaxinación especialmente na Internet para elaborar bromas consistentes en boa medida en novas falsas que resulten orixinais e divertidas, e este ano a cousa non foi para menos, destacando especialmente empresas como Google, da que saíron xenialidades como o anuncio de que ían pechar YouTube dando a entender que o proxecto era un concurso de vídeos, de xeito que tras pechar a recepción de candidatos, procederían a elixir o gañador, tendo que agardarse un total de 10 anos para coñecer o vídeo galardoado. Dende Google tamén chegaron outros anuncios como Gmail Blue (unha versión de cor azul do servizo de correo electrónico de Google), unha busca do tesouro en Google Maps ou o máis surrealista Google Noose, que permitiría empregar a tecnoloxía da compañía de Mountain View para experimentar olores (servizo que, por suposto, estrearíase en beta).

Twitter anunciou que eliminaría as vogais do seu servizo de balde

Máis aló de Google tamén destacaron bromas como a de Twitter, que anunciou no seu blog que ía eliminar as vogais de Twitter como medida para conseguir unhas comunicacións máis eficientes e densas, de xeito que quen quixera empregar esas letras debería pagar 5 dólares ao mes.
En ámbitos máis físicos tamén houbo espazo para a orixinalidade, e así o grupo La Poste anunciou un acordo con Parrot para entregar xornais a domicilio mediante drones, Nokia amosou un forno microondas cunha aparencia moi semellante á dos seus móbiles Lumia (integrando tamén pantalla táctil) e, dende ThinkGeek, quixeron facer burla dunha das tecnoloxías emerxentes incorporando ao seu catálogo a impresora 3D de Play-Doh, ou sexa, que construiría figuras de plastilina a través dunha aplicación para iPad.

Nokia presentou hoxe o seu primeiro microondas
A impresora de PlayDoh é un dos produtos de broma que ThinkGeek incorporou ao seu catálogo
Os drons de Parrot poderían empregarse para repartir xornais




Vídeo no que anuncian o peche de YouTube


Presentación do curioso Google Nose

PUBLICIDADE