A tecnoloxía blockchain e a mercadotecnia a través de email centran os últimos obradoiros de SmartPEME en febreiro

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, directamente encamiñadas a facilitar a transformación tecnolóxica de pequenas e medianas empresas e persoas autónomas. As accións previstas para esta última semana de febreiro tratarán temas como a mercadotecnia a través de correo electrónico, a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) e os podcast.
Os obradoiros comezaron este luns 21 de febreiro da man de Manuel Freire, experto universitario en robótica, que achegará o obradoiro Blockchain, que é e como funciona. Con este taller dará inicio unha serie de catro obradoiros informativos que teñen en común a tecnoloxía da cadea de bloques, un recurso accesíbel para múltiples empresas e que abre un mundo de posibilidades en materia de ciberseguridade, transaccións seguras e protección financeira.
Para o martes SmartPEME ten programada unha sesión titulada Audio márketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast na que Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará sobre os beneficios, formatos e casos de éxito destas publicacións.
O xoves Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, será a encargada de impartir o obradoiro Crea unha campaña de email márketing con Mailchimp. Nel as persoas asistentes coñecerán esta ferramenta e aprenderán a crear un formulario e deseñar unha campaña de mercadotecnia a través do uso de correos electrónicos.
Para o xoves hai dous obradoiros preparados. O primeiro deles titúlase Así funciona WhatsApp business e será impartido por José Luis Taboada, enxeñeiro informático, e nel daranse a coñecer as claves desta ferramenta. A semana rematará con outro obradoiro de Manuel Freire sobre Blockchain e criptomoedas no que explicará en que consiste a tecnoloxía da cadea de bloques e como grazas a ela estamos ante o que se chama o Internet con valor.

PUBLICIDADE