A tecnoloxía Tango de Google chega ao mercado da man de Lenovo

mércores, 2 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño Google anunciou que chegar a un acordo con Lenovo para facilitar a chegada ao mercado do primeiro smartphone con tecnoloxía Tango, que permite interpretar o contorno para poder modelalo, facilitando así o mapeado de espazos e abríndose a unha interacción moi superior da que era posible con anteriores dispositivos que facían uso da realidade aumentada. Pois agora dende Google dan conta de que o Phab 2 Pro de Lenovo, grazas ao traballo de numerosos desenvolvedores (que contaron co apoio de Google a través dun programa de incubación de aplicacións) conseguiron que hoxe xa haxa 35 aplicacións que poidan tirar proveito de Tango no smartphone que sae finalmente á venda nos EE.UU. a un prezo de 499,99 dólares.
Actualmente incluso podemos atopar numerosas aplicacións para Tango en Google Play, como a ferramenta de captación de medidas Measure; a solución para ver como quedarían certos mobles no noso fogar, iStaging; o simulador de estruturas de fichas de dominó Dominio World; o xogo de tiro parabólico La Isla de los Dragones; ou o xogo de mascotas virtuais Raise.
Estas aplicacións amosan posibilidades que confían en que no futuro estean ao alcance de todos os smartphones, por considerar que a tecnoloxía que achega Tango poderá pasar a ter a mesma consideración que actualmente teñen a cámara ou o GPS do móbil.
O Phab 2 Pro de Lenovo que estrea esta tecnoloxía é un smartphone moi potente, cunha pantalla de 6,4 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 652, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámaras de 16 e 8 Mpíxeles, son 5.1 e 3 micrófonos con voz en 360 graos, sensor de pegadas dixitais e batería de 4.050 mAh con carga rápida.

PUBLICIDADE