A taxa de penetración de móbiles en España experimentou unha lixeira caída no verán

xoves, 20 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A penetración de móbiles en España vén de experimentar un fenómeno inusitado: unha lixeira baixada. O de “inusitado” vén a conto porque nestes tempos que corren é difícil pensar nun gatillazo no mercado español, agora que case semellamos máis pistoleiros a piques de desenfundar (con dous teléfonos á vista pendurados en cada banda da cadeira) ca simples usuarios de telefonía. O caso é que o pasado verán houbo saneamento de liñas, emporiso a taxa de penetración baixou ó 107,4%. Concretamente, a caída mantén relación directa coa eliminación dunhas 500.000 liñas de prepago inactivas no marco de usuarios de Orange, ficando logo o número de teléfonos móbiles en 48.056.352 no mes de xullo, fronte ós 48.148.726 do mes anterior, cunha taxa do 107,69% de penetración.
Estes datos foron achegados pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións, que tamén ofrece información sobre o tipo de contratación (27.630.038 de pospago cunha taxa de incremento do 8,76% e 20.416.314 de prepago cunha caída do 2,74%) e sobre as contratacións feitas en xullo: 397.626 novas, das que Telefónica acaparou case a metade e Orange unha cuarta parte. Polo que respecta á banda ampla, déronse de alta 68.045 liñas novas, chegando a cifra total ós 7,5 millóns, cunha taxa de penetración do 16,8%.

PUBLICIDADE