A sombra da lei dá visibilidade ao alumnado e profesionais da Fundación TIC

martes, 16 de outubro do 2018 Redacción

Lugo acolleu hoxe unha proxección especial da longametraxe A sombra da lei, do director monfortino Dani de la Torre, autor tamén da exitosa O descoñecido, ambos filmes rodados na nosa terra e cunha ampla presenza de equipos humanos e técnicos de aquí. No caso de A sombra da lei, que está estes días na pantalla grande colleitando un importante éxito de público, foi rodada en cidades como Lugo, Monforte ou Santiago, contando co apoio de institucións como a Deputación de Lugo e o Concello. Na proxección de hoxe, o presidente da entidade provincial e da Fundación TIC, Darío Campos, mostrou a súa satisfacción por ter colaborado as dúas institucións que representa “nun filme que dá unha gran proxección nacional e internacional a Lugo”.
Ademais afirmou que “para nós é un orgullo que tres lucenses do nivel de Dani de la Torre, Luis Tosar e Jorge Coira estean neste proxecto”, e que sexa unha produtora galega, Vaca Films, capitaneada por unha muller, Emma Lustres, a que o faga realidade.
Antes de asistir ao pase nas salas do Centro Comercial Abella, o presidente participou no acto de presentación da película no Círculo das Artes, unha das localizacións da rodaxe, xunto ao voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o director Dani de la Torre, a responsábel de Vaca Films, Emma Lustres, e parte do equipo artístico.
Campos Conde subliñou que “cremos firmemente nos beneficios que a industria do cinema ten para a nosa provincia desde o punto de vista económico, social e turístico, e por iso, malia non ter competencias no eido audiovisual nin partidas específicas destinadas a este fin, responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia e ao Goberno Central, desde a Deputación facemos un importante esforzo económico para apoiar algunhas destas producións ao longo do ano, como é o caso de La sombra de la ley, e conseguir que os profesionais do sector vexan atractiva a nosa provincia para rodar as súas producións, que son unha excepcional vía de promoción de Lugo”.
Neste punto, lembrou que a Deputación tamén está a traballar noutra longametraxe de “proxección internacional”, a nova película do galego Oliver Laxe, Aquilo que Arde, rodada principalmente nos Ancares lucenses.
Por outra banda, o presidente da TIC fixo fincapé en que estas rodaxes supoñen “unha oportunidade única” para o alumnado e os titulados da Escola de Imaxe e Son da entidade provincial, xa que varios profesionais formados na EIS formaron parte do equipo do novo filme de Dani de la Torre en diversos postos relacionados coas áreas de dirección e produción. Amais, dixo, grazas a este traballo conxunto, “tres alumnos fixeron prácticas con algúns dos mellores profesionais que temos no só en Galicia, senón en España”.
Para quen non o saiba, as escenas de A sombra da lei foron filmadas o pasado ano en 80 decorados naturais exteriores e interiores. A rodaxe arrancou en Barcelona, pero gran parte da acción discorre en Galicia (Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago). En Lugo, filmouse na capital na rúa Bispo Aguirre e no Círculo das Artes. No caso de Monforte, foi o museo do ferrocarril o que serviu de fondo para unha das escenas claves da película, a do asalto a un tren custodiado polas forzas de seguridade.

PUBLICIDADE