A solución de mapas de Nokia avanza na súa introdución no automóbil

venres, 30 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Cando Nokia reforzou o seu servizo de mapas para dispositivos móbiles e mudou o seu nome de xeito que Nokia Mapas pasou a coñecerse como HERE Maps, a compañía finlandesa deixou claro que pretendía explotar máis amplamente este negocio froita da compra de NAVTEQ para convertela na “primeira nube de localización que achega unha plataforma de localización, contido de localización e aplicacións de localización para calquera pantalla e sistema operativo” e, agora comezan a verse os froitos deste cambio de dirección. Aparte das súas destacable aplicacións móbiles agora presentan unha solución completa de Condución Conectada, que ofrécese a fabricantes de automóbiles e provedores de tecnoloxías para automoción que permite conectar os vehículos e ao seu condutor á nube.
A nova oferta de Condución Conectada de HERE está formada por HERE Auto (navegador integrado no automóbil que proporciona o mapa axeitado a cada momento, con ou sen conexión de datos), HERE Auto Cloud (que ofrece acceso permanente a diversos servizos de información dinámica, como a actualización do tráfico en tempo real para evitar conxestións) e HERE Auto Companion (aplicación web e móbil personalizable que mantén conectado ao condutor fóra do coche, permitíndolle sincronizar as súas rutas e lugares favoritos entre distintos dispositivos para non ter que volver a introducir a súa ruta cada vez que suba ao seu vehículo). Amais, HERE mellorou radicalmente o seu produto Traffic mediante a construción dun novo sistema que procesa os datos de xeito máis rápido e preciso.
Esta nova oferta de Nokia baixo a marca HERE poderá verse no Salón Internacional do Motor de Frankfurt (Alemaña) a partires do 10 de setembro.

PUBLICIDADE