A sociedade dixital centrará unhas xornadas sobre psicoloxía en Compostela

luns, 10 de febreiro do 2020 Redacción

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, organiza entre os días 17 e 20 deste mesmo mes a segunda edición de Tempo da Psicoloxía, unha serie de encontros que desta volta achegarán Unha ollada sobre a sociedade dixital a través de 3 mesas redondas e un relatorio.
A primeira das mesas redondas celebrarase o día 17 ás 19:30 horas no Teatro Principal co título de Do smartphone ao Fortnite: adicións e tecnoloxías, coa participación do psicólogo de AGALURE José Manuel Recouso Ramos, a psicóloga Olegaria Mosqueda Bueno, o profesor de Psicoloxía da USC Antonio Rial Boubeta e Jesús Morán Iglesias, xefe de servizo da Delegación do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas. Modera a mesa a xornalista Belén Regueira.
O día 18 ás 19:30 a sede de Afundación acollerá a mesa redonda titulada As tecnoloxías rachan as fendas sociais, na que participarán a psicóloga experta en envellecemento activo María José Fares Varela; a psicóloga de Feafes Ourense, Patricia Gómez Salgado; Rosa Arcos Caamaño, presidenta de Fademur Galicia; e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella. Encargarase de moderar a mesa a xornalista Tamara Montero Barreiro.
Na sede de Afundación na rúa do Vilar continuarase o día 19 ás 19:30 horas, nunha mesa redonda moderada pola xornalista Alba Mancebo, que baixo o título de Novas tecnoloxías, novas relacións sociais? convida a debater a Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, responsable de Innovación do Concello de Lugo; Noa Día Varela, da concellaría de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas; e Lara Deza, alumna da Facultade de Psicoloxía.
O día 20 ás 12:00 horas pecharanse estas xornadas cunha conferencia no marco do Día da Psicoloxía Académica sobre O uso das TIC na intervención psicolóxica, impartida por Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I.

PUBLICIDADE