A sétima entrega do Concurso Galego de Robótica bate récord de inscrición

luns, 9 de decembro do 2013 Redacción

Temos xa á vista unha nova edición, a sétima, do Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, unha máis que interesante iniciativa que vén da man dos educadores e científicos que xuntan forzas na plataforma Igaciencia e que se dirixe a fomentar as vocacións da nosa mocidade en materia de intelixencia artificial, novas tecnoloxías e desenvolvementos, en definitiva, destinados a mellorar a nosa calidade de vida, a loitar contra doenzas e exclusións, a levar aínda máis lonxe a nosa capacidade de comunicarnos ou a dar con xeitos alternativos (e máis respectuosos e eficaces) de tirar enerxía da nosa contorna.
Segundo nos contan dende Igaciencia, a nosa mocidade atesoura máis vocación científica da que se pensa en termos xerais. Moita máis. Proba diso, é que en só tres días de prazo de inscrición para participar no evento, cubríronse a meirande parte das prazas dispoñíbeis con preto dun milleiro de alumnas e alumnos. E iso que estamos a dous meses da celebración do concurso.
Segundo nos lembran os organizadores, o evento contará co apoio decidido de EducaBarrié, “o espléndido cuarto andar da Fundación Barrié na Coruña”. Este respaldo, unido ao “interese febril” amosado polos nosos estudantes-investigadores e sumado ao compromiso e labor dos profesores-monitores de cada un dos grupos que se presenta ao concurso, van garantir sen dúbida que esta nova edición do Concurso Galego de Robótica remate con éxito. E máis se temos en conta o seu espírito tradicionalmente lúdico e as súas metodoloxías para facer doado o aparentemente complexo (tódolos alumnos conseguen facer programas “sorprendentes e máxicos”).
Lembrar por último que o Concurso Galego de Robótica, en palabras do seus responsábeis “unha nova maneira de aprender tecnoloxía e ciencia e de facer ciencia inclusiva para todas e todos e en galego”, desenvólvese do 10 ao 14 de febreiro na Coruña.

PUBLICIDADE