A serie interactiva galega Amnesia 3.0 recala este luns no Centro Galego de Madrid

xoves, 24 de febreiro do 2022 S. P.

A produción galega Amnesia 3.0, serie interactiva escrita e dirixida por Irene Pin, recala este mes de febreiro en Madrid. A serie, escrita e dirixida por Irene Pin, terá un evento especial na capital española este luns 28 no Centro Galego de Madrid ás 19.30h con entrada libre ata completar aforo. Será unha proxección interactiva que contará co equipo e cos protagonistas.
Amnesia 3.0 é dos grandes éxitos de público e crítica da nosa nova industria de contidos. De feito, foi gañadora do premio á produción de proxecto do Festival Carballo Interplay e finalista ao Premio Mestre Mateo á Mellor Serie Web da Academia Galega do Audiovisual no 2021. Recibiu tamén o Premio a Mellor Piloto de Serie Nacional no Festival de Cine Español Emerxente (FECICAM).
Trátase dunha produción de formato futurista pero tamén de argumento innovador: a través dela, ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escoller. “É unha aposta interactiva sen precedentes que nace dunha teima por atreverse a romper os límites impostos”, sinalan dende a produtora.
A webserie iniciou o pasado verán a rodaxe da súa segunda temporada, na que se incorporarán intérpretes como Lidia Veiga, Mabel Rivera ou Melania Cruz. Se a primeira temporada nos introduciu nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias, “esta nova achega pretende afondar nas dinámicas que levaron a esta situación”.
Sinopse
Na realidade de Amnesia 3.0 ninguén lembra. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo. Así, as persoas desenvolven as súas funcións dentro do sistema, ordenadas polas súas axendas, sen pensar nin preguntarse. Pero dentro desta harmoniosa utopía, hai quen sobrevive na marxe. Son as habitantes das Estremas, nómades ancoradas á tradición que foxen dese control.

PUBLICIDADE