A serie Rascayú representará á nosa terra no prestixioso foro europeo Cartoon Forum

mércores, 23 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O Cartoon Forum, o escaparate europeo da animación, acubillo de iniciativas creativas de vangarda, vai contar con presenza galega. Así nolo contan dende Otiiplanet, selo con sede na Coruña, que estará no devandito encontro, a celebrar en setembro en Toulousse (Francia) para dar conta das súas liñas de traballo, facendo especial fincapé en Rascayú, serie de animación propia para TV que contou coa axuda da axencia AGADIC, do ICAA e da CRTVG.
Rascayú, que segundo nos recorda Otiiplanet participará no certame como única representación galega, consta de 26 capítulos de 6 minutos onde se narran os avatares de Rascayú, “un pequeno e gracioso esqueleto que, grazas ao trevo de catro follas que habita na súa cabeza, é o ser máis afortunado do seu universo”, informa a produtora con sede na Coruña.
O feito de ter sido escolmada para concorrer no devandito encontro profesional, se cadra o máis prestixioso de Europa no seu ámbito, é segundo apuntan dende Ottiplanet todo un acontecemento, para a propia empresa e tamén para o audiovisual galego. Cómpre ter en conta que Cartoon Planet convoca cada ano os mellores traballos europeos no eido da animación.
A serie Rascayú, engaden os responsábeis da mesma, é un produto de lecer baseado no humor e dirixido, sobre todo, a consumo en familia. Arestora atópase en pleno proceso de produción. Dende a produtora amosan xa a súa confianza en que sexa ben acollida no mercado europeo grazas ao recoñecemento que supón o feito de estar no Cartoon Forum.

PUBLICIDADE