A semana que vén iniciarán as audiencias previas ao xuízo de Twitter contra Elon Musk

venres, 15 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Ante a intención de Elon Musk de rachar o acordó de compra de Twitter por 44 mil millón de dólares, a compañía do paxaro azul quere levar ao multimillonario a xuízo, e xa etá programada unha audiencia de 90 minutos coa xuíza Kathaleen McCormick o vindeiro día 19, aínda que o xuízo non terá lugar até o mes de setembro.
O acordo de compra de Twitter incluía unha indemnización de 1.000 millóns de dólares que tería que pagar a parte que non cumprise o acordado, que neste caso sería Musk, quen na súa defensa para non satisfacer tal cantidade asegura que Twitter informou incorrectamente sobre o volume de bots e outras contas falsas que hai na súa plataforma social. Twitter nega as acusacións, e asegura que facilitou a Musk a información completa.
Cómpre salientar que Twitter está actualmente nunha situación moi comprometida, xa que as manobras de Musk fixeron á compañía perder moito valor nos mercados bolsistas, así como dar unha imaxe de pouca fiabilidade para futuros investidores. Tamén realizaron numerosos cambios internos para adaptar a compañía para a entrada de Musk como director xeral, o que finalmente non vai pasar, provocando unha crise de liderado e cambios na orientación empresarial da compañía con impacto a longo prazo.

PUBLICIDADE