A seguridade en contornos web, a fondo nun novo seminario do CNTG

venres, 30 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vai acoller a vindeira semana, o 3 de novembro de 9.30 a 13.30 horas un seminario sobre unha cuestión fundamental que lles atinxe aos usuarios das TIC agora que da man do cloud computing todo o referente a unha organización, paseniño pero sen pausa, migra cara as TIC e os escenarios en liña. Estamos a falar da seguridade en contornos web (LAMP). O seminario, que dun xeito máis específico centrarase en inxeccións de SQL, está dirixido a profesionais técnicos, enxeñeiras/os de software, analistas, desenvolveras/es e administradoras/es de redes e sistemas.
O desenvolvemento da actividade divulgativo-formativa correrá a cargo de Artur Pinto Monteiro, experto en enxeñería do software da firma compostelá Nextvision e que traballou en diversos proxectos de desenvolvemento en contornos sensibles. Segundo informa o CNTG, Pinto posúe amplos coñecementos en seguridade perimetral, seguridade de sistemas, ferramentas IDS/IPS, sistemas de monitorización, tecnoloxías OpenSource, tecnoloxías web, auditorías de seguridade e hacking ético.
O prazo de inscrición estará aberto dende o día 5 de outubro ata o día 2 de novembro.

PUBLICIDADE