A segunda tempada de O Sabor das Margaridas fai promoción de Lugo en Netflix

luns, 5 de abril do 2021 S. P.

O presidente provincial e da deputada de turismo nunha imaxe de arquivo da rodaxe da serie no Pazo de Adai

A semana pasada chegou á plataforma Netflix a nova tempada, a segunda, da serie galega O Sabor das Margaridas, un dos noso produtos de meirande éxito na historia do noso audiovisual, sendo quen, na súa primeira tempada, de situarse no top 10 de popularidade do dito servizo en streaming. A nova tempada, con presenza simultánea en case 200 países e con posibilidade de vela subtitulada en 30 idiomas, vén con seis episodios rodados en localizacións da provincia de Lugo, como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a capital lucense.
Segundo informou a Deputación, que colaborou economicamente coa produción da que sería a primeira serie galega incorporada a Netflix, O Sabor das Margaridas “supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”, asegurou o presidente da entidade José Tomé, engadindo que “os galegos e galegas xa puideron desfrutar desta segunda temporada ao estrearse o ano pasado desta segunda entrega na Televisión de Galicia, acadando moi boa acollida entre a audiencia.
Tomé Roca avanza que “esta promoción a través do audiovisual que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia unha vez superada a crise do coronavirus, porque a nosa provincia ofrece un turismo sen masificacións, de calidade, sustentábel e de experiencias, que é o que demanda o viaxeiro de hoxe”. Ademais, engadiu que “esa globalización que nos permiten estas grandes plataformas audiovisuais fai que as nosas producións viaxen por todo o mundo, facilitando a chegada deste material a millóns de persoas que descobren a través delas lugares coma nosa provincia”, subliña.
Seis episodios
A nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.
O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das Margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

PUBLICIDADE