A sede central de Telefónica acolle un encontro internacional sobre TIC e medio ambiente: a Green Standard Week

luns, 16 de setembro do 2013 Redacción

Telefónica quere cinguir cun nó máis estreito a tecnoloxía e o medio ambiente e extraer do maior achegamento destas áreas máis vantaxes e potencialidades para a industria pero tamén para a conservación da natureza. Desta vontade xorde a terceira edición dun evento a celebrar esta semana na sede central en Madrid da operadora: o encontro Green Standard Week (GSW) da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), que se celebra dende este luns ao venres 20 de setembro e que este ano ten como eixo principal o papel da industria TIC para promover cidades intelixentes e sustentábeis.
O obxectivo clave do evento é impulsar estándares únicos para definir con precisión as características dunha cidade intelixente, e para medir o impacto do TIC nas smart cities e o medio ambiente. Para iso, representantes de organismos internacionais como Nacións Unidas e a Comisión Europea; fabricantes de tecnoloxía, e entidades como ISO e Gartner identificarán solucións e novos retos das green TIC para aumentar a eficiencia enerxética das urbes. “Un tema vital”, sinala Telefónica, “tendo en conta que en 2050 concentrarán ao 70% da poboación mundial, e que na actualidade xa suman entre o 60% e o 80% do consumo global de enerxía”. Tamén se abordarán asuntos como os refugallos eléctricos e electrónicos (e-waste) ou a prevención dos desastres naturais a través do uso de cables submarinos de telecomunicacións. Asemade, engade a operadora española, haberá un foro para presentar a metodoloxía estándar que se está a desenvolver no marco da UIT para que todo o sector mida do mesmo xeito o impacto ambiental dos teléfonos móbiles (Eco-Rating).
No transcurso destas xornadas entregarase o premio ao gañador do III Green ICT Application Challenge, concurso que gratifica con 5.000 dólares a app máis innovadora para as cidades intelixentes. Durante toda semana, os asistentes poderán visitar as casetas de Huawei, Fujitsu, Nokia, Recyclia, Telefónica, UIT e Wayra, a aceleradora de Telefónica que apoia a emprendedores tecnolóxicos.

PUBLICIDADE