A saturación do mercado de smartphones e tablets mingua os beneficios de Samsung

martes, 8 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos Samsung experimentou un crecemento meteórico que claramente non podía sosterse moito tempo, por simple limitación de absorción do mercado, e por fin parece que chegamos ao punto de saturación tras ver que as previsións económicas para o segundo trimestre do ano por parte de Samsung amosan unha lixeira caída de beneficios. Concretamente agardar uns ingresos de 52 billóns de wons e 7,2 billóns de wons en beneficios operativos, o que seguen a ser uns resultados moi bos, aínda que peores que no mesmo período do ano anterior (os beneficios reduciríanse preto do 24%).
A compañía coreana xustifica a situación pola fortaleza do won fronte ao dólar, o euro e a meirande parte das moedas en mercados emerxentes, a ralentización xeral do crecemento do mercado dos smartphones e o incremento da competencia nos mercados chinés e europeo.
Como tamén acontece no caso de Apple, Samsung está a ver agora como cae a demanda de tablets, pois o seu ciclo de substitución é moito máis longo que o dos smartphones, á vez que os tabletófonos están a vampirizar parte das vendas de tablets de pequeno tamaño.
Samsung destaca que o segundo trimestre do ano é habitualmente bastante frouxo, polo que confían nuns mellores resultados para o terceiro trimestre, aínda que resulta evidente que a situación de saturación do mercado non é algo que vaia mudar a curto/medio prazo.

PUBLICIDADE