A robótica, os drons no audiovisual e o WordPress serán co-protagonistas da oferta formativa do Campus de Pontevedra
martes, 1 de febreiro do 2022
Un
amplo abano formativo baseado en boa medida nas tecnoloxías e nas
portas que estas abren en materia de creatividade, autonomía
persoal, educación e emprego. Así podería definirse a
oferta de obradoiros do Campus de Pontevedra (extensión
universitaria da Vicerreitoría) para este segundo cuadrimestre,
que vén cunha renovada oferta de actividades para toda a cidadanía
e que inclúe citas formativas centradas na robótica, nos drons ou
no deseño intelixente.
Dirixidos
tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía,
desde este luns 31 de xaneiro fica aberto o período de inscrición
en sete cursos de entre 20 e 30 horas, entre os que se atopan tamén
as novas edicións dos obradoiros de creación de webs con WordPress
e escalada en rocha.
Cun
prezo de matrícula de 40 euros, cun 35% de desconto para os e as
integrantes da comunidade universitaria, a inscrición nestes
obradoiros poderá realizarse ata o vindeiro xoves 10 de febreiro a
través da plataforma Campus Activo. Cunha oferta conxunta de máis
de 80 prazas, trátase dunha axenda “cunha característica común,
que é a súa especificidade”, salienta o vicerreitor Jorge Soto.
Unha
das novidades neste cuadrimestre é STEAM: Robótica creativa
aplicada á educación, un taller dirixido a introducir aos e
ás participantes no deseño e aplicación de propostas didácticas
innovadoras, enmarcadas nun enfoque STEAM (acrónimo en inglés de
Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Impartido
pola experta en deseño de e-téxtiles Paola Guimeráns, arrancará o
25 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e
combinará as clases presenciais e virtuais.
Tamén
cunha metodoloxía mixta, o 7 de marzo dará comezo en Ciencias
Sociais e da Comunicación Creative thinking. Hackea a túa
mente. Impartido pola profesora Silvia García Mirón e a
consultora de innovación Yolanda Vázquez, trátase dun taller
dirixido a afondar na metodoloxía do Design Thinking,
centrada na xeración de ideas innovadoras que busquen dar solución
a necesidades reais.
Entre
o 7 e o 15 de marzo, a sede da Vicerreitoría acollerá outra das
novidades desta programación, Drons no audiovisual: pilotaxe,
planificación e gravación de proxectos audiovisuais con drons.
Impartido polo investigador Javier Abuín e os profesionais Marta
Fábrega e Alberto Pájaro, este obradoiro buscará dar a coñecer as
posibilidades que poden achegar estas aeronaves á realización de
proxectos audiovisuais de diversa índole.
Por
outra banda, entre o 10 e o 25 de marzo, Belas Artes acollerá o
curso Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso.
Impartido polos investigadores da facultade Román Corbato e Marcos
Covelo, este curso afondará, a través dunha serie de casos
concretos, nas diferentes fases de preparación, deseño e
desenvolvemento dun proxecto, dossier ou currículo artístico.
Tamén
nesta facultade, o 16 de marzo dará comezo un obradoiro de
iniciación á cerámica, dirixido pola profesora Chelo Matesanz, que
o impartirá xunto á ceramista e egresada Teresa Pece.
Esta
oferta formativa complétase coas novas edicións de dúas
actividades formativas que xa forman parte da programación de
extensión universitaria do campus. Por unha banda, o 31 de marzo
dará comezo a cuarta edición de Creación, xestión e
posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, un
obradoiro no que o profesor de CCSS e da Comunicación Xabier
Martínez Rolán e o consultor Wajari Velásquez amosarán ao
alumnado como crear e xestionar un espazo web con este xestor de
contidos de código aberto, á vez que lles achegarán nocións de
deseño web e mercadotecnia dixital.
Por
outra banda, a serra do Galiñeiro será o escenario, a partires do
22 abril, do segundo obradoiro de escalada en rocha, que dá
continuidade aos talleres de iniciación que os profesores de
Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso
promoven cada ano no rocódromo desta facultade. Coa participación
como docente do técnico en escalada José Juan Domínguez, para
asistir a esta actividade será necesario ter realizado previamente
un curso de iniciación acreditado.