A robótica máis creativa chega esta tempada á rapazada do Salnés

martes, 8 de agosto do 2023 S. P.

Ao abeiro do proxecto Núcleos rurais sustentábeis do Salnés: espazos abertos á innovación, a Mancomunidade Salnés impulsa esta tempada actividades de lecer e educativas dirixidas a público infantil e adolescente para achegalo ás novas tecnoloxías na súa vertente máis creativa, aberta e participativa, así como para iniciar á rapazada na robótica educativa e na programación. Desta iniciativa xa se beneficiaron máis de 100 estudantes Infantil e Primaria. Os días pasados leváronse a cabo obradoiros en Meis e nestes comezos de agosto foi a quenda de Ribadumia. Trátase dunha iniciativa financiada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Segundo fan saber dende a mancomunidade, o obxectivo do dito proxecto é “incentivar que a poboación do rural acceda aos mesmos servizos que a dos núcleos urbanos”. Fíxose, coa implantación de dúas oficinas de información e formación sobre o uso de novas tecnoloxías, situadas en Meis e A Illa, e faise agora coa oferta de lecer infantil en Meis e Ribadumia. Neste último concello achegouse formación e lecer a sesenta nenas e nenos da Escola de Verán do Concello. O proxecto, desenvolvido pola Mancomunidade do Salnés e financiado cos fondos Next Generation, posibilita que a cativa se achegue á ciencia e a innovación de forma divertida.

PUBLICIDADE