A revista arousá Scifiworld volta ás súas orixes estreando edicións dixitais

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A industria editorial está a vivir importantes cambios coa chegada da Internet e dos dispositivos móbiles, pero algúns medios son xa nativos dixitais e saben adaptarse ás demandas do público, podendo servir como exemplo disco a evolución de Scifiworld, unha revista sobre o cine fantástico editada dende Vilagarcía de Arousa que naceu en 2005 como revista electrónica, transformouse temporalmente en revista oficial da canle Sci-Fi (actualmente Syfy) e volveu por todo o grande nunha edición impresa que se distribúe polos quioscos de toda España ata chegar ao número 34 que sae este mesmo mes, momento no que pasa a seguir unha nova política editorial: o día 1 de cada mes lanza unha versión descargable de balde en formato PDF de SFW Previews (un complemento ideal para a revista impresa, e que supón o que poderiamos considerar unha volta ás orixes da publicación), entre o 7 e o 10 de cada mes estrearán un novo número de Scifiworld Digital (edición para iPhone, iPod Touch e iPad) e a partir do día 15 de cada mes chegará un novo número de Scifiworld Magazine aos quioscos (a un prezo de 3,20 euros).
A revista SFW Previews é un interesante xeito de achegarse a esta publicación, á vez que serve de ferramenta para lembrar as datas nas que chegarán ás nosas pantallas as películas fantásticas máis agardadas, resultando unha opción de doado consumo dende o PC, mentres que para usuarios de dispositivos de Apple temos unha aplicación desenvolvida por YUDU na que podemos descargar de balde da App Store e dende a que é posible descargar mostras gratuítas dos exemplares da revista, mercar números soltos por 2,99 euros e incluso subscribirse por 6 (12,99 euros) ou 12 meses (29,99 euros), coa vantaxe que supón ter os contidos unha semana antes de que cheguen aos quioscos.
A versión para iOS da revista Scifiworld non só inclúe todos os contidos da súa edición impresa, sen´no que tamén enriquécese con contidos multimedia (audio, vídeo e ligazóns), aínda que adoece unha importante eiva: os contidos están maquetados para unha páxina de grande tamaño, polo que a súa lectura de xeito natural no iPad non resulta agradable, polo que hai que recorrer ao zoom para que o texto poida lerse cunha boa definición.
Temos aquí unha interesante estratexia editorial na que combínanse con acerto contidos de balde cos de pagamento, creando sinerxías entre as edicións impresas e dixitais, no que podería ser o camiño que sigan moitas publicacións semellantes a medio prazo, especialmente nestes meses de emerxencia dos dispositivos tipo tablet.

PUBLICIDADE