A revista Wizard di adeus ao papel

luns, 24 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Un par de exemplares da revista Wizard <a href="http://www.flickr.com/photos/petlvr/2795115181/">captadas pola cámara de PetLvr</a>Tras preto de 20 anos nos no mercado norteamericano (e cunha etapa na que tamén chegou aos quioscos españois nunha versión traducida) a revista Wizard despídese do soporte físico para que a súa compañía, Wizard World, centre a súa actividade nunha páxina web en un evento coñecido coma Wizard World Comic Con Tour, que percorrerá 12 cidades estadounidenses en 2011 a xeito de encontro de referencia para a cultura popular na que dende estudos de cine e televisión ata fabricantes de xoguetes terán o seu espazo.
Con esta reformulación a compañía anuncia que cesará de editar as revistas en papel Wizard (dedicada ao mundo do cómic) e ToyFare (centrada en maquetas, bustos, estatuas e figuras de acción), para estrear en febreiro unha nova revista dixital chamada Wizard World, que buscará centrarse na cultura popular como facían os seus predecesores impresos, achegándose aos comics, os xoguetes, os superheroes e os persoeiros que están detrás de todo este mundo.
Este cambio de rumbo está a converterse en toda unha tónica habitual no sector editorial, e aínda que podería parecer que o mundo do cómic estea moi ligado ao papel, o certo é que a revista Wizard pecaba de obsolescencia en cada número, posto que xa existen grandes medios e coñecidos blogs que daban a información incluída na publicación con semanas de antelación e maior profundidade, polo que os seareiros do mundo do cómic foron substituíndo a súa dieta informativa en papel por contidos en liña, o que podería chegar a pasar con todo o seu mercado, que leva varios anos apostando por distintas estratexias de edición dixital que poderían rematar calando a medio prazo.

PUBLICIDADE