A revista Wired estrea aplicación para o iPad

mércores, 26 de maio do 2010 Marcus Fernández

A comezos de ano Adobe estaba a utilizar á revista Wired coma exemplo de cómo unha revista tradicional podía adaptarse a unha edición dixital pensada para dispositivos coma o iPad empregando tecnoloxía Flash, pero en vista de que este tipo de solucións poderían levar á creación de produtos multiplataforma, dende Apple decidiron pór atrancos e impedir a incorporación na App Store de programas que non fosen desenvolvidos nativamente para o iPhone OS, de xeito que a revista de Condé Nast tivo que cambiar de rumbo, e desbotar a tecnoloxía de Adobe para facer un produto dende cero, pero aproveitando as ideas que xurdiran no proxecto anterior, de xeito que foron que de desenvolver unha aplicación nativa para o iPad que vén de ver a luz.
A primeira versión electrónica da Wired para o iPad pode mercarse por 3,99 euros e ocupa 527 Mbytes, o que dá unha impresión de todo o que achega, pois empaqueta os contidos da revista en papel pero engadindo contidos enriquecidos coma animacións e vídeos, de xeito que consegue unha experiencia de usuario máis completa, polo que non estariamos ante un simple documento en PDF, e que promete ser o camiño que seguirán moitas outras publicacións, non só para entregar un produto que agardan que anime aos usuarios a pagar polos contidos, senón tamén para que os anunciantes opten por desenvolver publicidade interactiva (que por outra banda sería máis cara que a tradicional, o que permitiría rendibilizar este novo formato, moito máis esixente na produción de contidos que unha edición impresa).
A nova versión de Wired está deseñada para que cada páxina poida verse de xeito individual no iPad tanto en modo vertical coma horizontal, a navegación comeza na propia portada da revista, o contido está organizado en pilas verticais en vez de en grupos de páxinas como as revistas en soporte físico, a navegación entre os contidos e moi intuitiva e gráfica (podendo chegarse aos artigos tanto dende a súa táboa de contidos ata dende a vista xeral da publicación), incorpora imaxes animadas de 360 graos, incorpora secuencias fotográficas para seguir a progresión dunha imaxe, conta con 4 vídeos editoriais (incluíndo un clip exclusivo de Toy Story 3) que poden verse sen acceso á Rede e permite que a música mellore a narración das distintas historias.
As posibilidades do novo formato xa comezan a aproveitarse por parte dos anunciantes, que amosan produtos en imaxes de 360 graos, vídeos de alta calidade e multitude de imaxes, e incluso conseguiron o recoñecemento do Audit Bureau Circulations (ABC) para recoñecer a aplicación como unha réplica dixital da revista, de xeito que contaría no balance da súa difusión.
Todo apunta a que esta publicación será o referente para a dixitalización doutras revistas pensando en dispositivos tipo tablet, de aí que nos vindeiros meses poderiamos ver moitas outras na mesma liña, o que segue sen ser unha revolución, pero si é un paso adiante na edición dixital, que moitas revistas e xornais contemplan coma o futuro do medio ou, coma mínimo, a apertura dun mercado Premium que podería ser fundamental para a supervivencia do sector.


Vídeo de demostración da aplicación da revista Wired para o iPad

PUBLICIDADE