A revista Penthouse abandona definitivamente o papel

luns, 18 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A popularización da web provocou un revulsivo para o sector dos contidos para adultos, de xeito que o as publicacións en papel foron perdendo pulo e o audiovisual colleu forza levando a que o sector se transformase rapidamente, non sen deixar moitos cadáveres polo camiño, e incluso compañías como Penthouse, que fixo grandes apostas fóra dos quioscos, ten que tirar a toalla e cesar de imprimir a súa revista que o ano pasado celebraba o seu 50 aniversario.
A partires de agora, os consumidores que queiran seguir gozando dos contidos de Penthouse teñen que recorrer á súa versión en liña, que procurará adaptarse para ofrecer unha experiencia que satisfaga aos lectores da versión en papel, pero aproveitando os recursos dixitais.
Con esta operación Penthouse, revista nacida no Reino Unido, pero establecida nos EE.UU., pecha a súa división de New York e centraliza as súas operacións en Los Angeles, aínda que a reestruturación da compañía non parece sorprender a ninguén, pois non podemos esquecer que a compañía matriz da revista (General Media) tivo que acollerse á protección da bancarrota xa en 2003, e Penthouse repetiu a operación en 2013. Vemos así como a que fora unha frutífera industria nos anos 80 é agora un negocio difícil de sustentar, e Penthouse está moi lonxe dos 5,3 millóns de copias que conseguiu vender dun dos seus números en 1984, atopando como a edición de revistas para adultos é xa residual, como tamén manifestan dende Playboy, publicación que está a despedirse dos espidos femininos para converterse nunha revista masculina ordinaria.
Queda agora por ver se unha Penthouse totalmente dixital será capaz de sobrevivir á dura competencia que o seu sector ten na Internet, ondea pornografía padece uns elevados niveis de piratería que fai moi complicado soster a produción de contidos de calidade.

Penthouse xa leva tempo explotando a súa marca máis aló dos quioscos

PUBLICIDADE