A revista Obradoiro de Artesanía estréase na web

martes, 30 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Esta mañá a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, presentou o novo número da revista Obradoiro de Artesanía, que publica semestralmente a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño co obxectivo de que funcione coma un «escaparate da heteroxeneidade da artesanía en Galicia, así como unha ferramenta de comunicación, de cohesión, desenvolvemento e de promoción do propio sector artesán», que pode consultarse nas súas edicións en galego e inglés dende a páxina web obradoirodeartesania.com, que non só permite o acceso ao último número da publicación, senón que tamén conta cunha hemeroteca na que podemos descargar en formato PDF os números anteriores.
A edición impresa da publicación distribuirase entre as 118 tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, centros públicos de ensino relacionados coa artesanía, museos e galerías de arte de Galicia e centros de artesanía doutras comunidades autónomas, así coma nos establecementos turísticos que contan co distintivo de calidade de Turgalicia.

A revista promovida por Artesanía de Galicia tamén pode actualizarse a través da web, así coma descargarse en formato PDF

PUBLICIDADE