A revista Life volverá á vida na Rede

mércores, 24 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O acordo entre Getty Images e Time Inc. anunciouse durante o congreso MIXX

Non é que Life rexurda das súas cinzas, é máis ben que agroma de onde xa non quedaba nin iso. Se cadra directamente da memoria colectiva. Pasou así e seguirá a pasar con outras publicacións de todo tipo: a Rede posibilita que volvan a aparecer, pero de aí a pensar que sexa o mesmo conto, hai un bo treito. Diso, de resucitar un anaco de historia con resultados incertos, é do que trata precisamente a máis recente iniciativa do servizo Getty Images: recuperar a revista Life, hoxe desaparecida, e facerlle un oquiño na Rede como se merece: Life.com.
A publicación, especialmente coñecida por ter subministrado algunhas das imaxes máis identificables cos acontecementos históricos recentes, estivo en activo até os noventa, sendo os seus anos de gloria os das décadas centrais do século XX.
Ao parecer, esta acción de Getty Images (ombro con ombro con Time Inc., propietaria actual das imaxes de Life) ten tamén como finalidade poñer a disposición dos internautas o rico legado xornalístico da publicación estadounidense, moito do cal aínda non foi descuberto polo gran público (hai unha chea de imaxes inéditas, coméntase, arredor do 97% de todo o material).
A páxina, que será posta en marcha en breve, tamén dará acceso a milleiros de novos traballos gráficos de Getty, espazo no que se habilitan unhas 3.000 imaxes por xornada. A idea da proposta complétase co seguinte obxectivo: ter coñecemento de primeira man dos máis importantes eventos históricos e sociais do pasado século. Segundo conta AFP, nin Getty nin Time están a achegar moitos detalles sobre o que lles vai custar aos internautas as devanditas imaxes do legado de Life, pero si que incidiron no seguinte punto: procuralas e velas será de balde.

PUBLICIDADE