A reprodución multimedia da Xbox pórtase a ordenadores con Windows, Mac OS X ou Linux

xoves, 14 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O grupo de desenvolvedores de Team-XBMC acaban de lanzar unha nova versión do software de Xbox Media Center (XBMC) que se está a converter en multiplataforma baixo o nome chave de Atlantis e que será compatible con Linux, Mac OS X, Windows e Xbox dentro dun par de meses (podendo xa probarse esta entrega de adianto).
Con esta nova versión pretenden así probar a aplicación antes do seu lanzamento oficial, que agardan que sexa o máis estable posible, de aí que se tomen o período de probas con calma. A aplicación fai cómodo e doado o consumo de contidos audiovisuais dende case calquera ordenador, permitindo a reprodución de vídeos, a visualización de imaxes, escoitar música e mesmo empregar módulos que achegan funcións como a consulta de información meteorolóxica, permitindo gozar destas prestacións dende ordenadores (equipos que non teñen optimizada a súa interface coma centros multimedia).
O XBMC é unha solución de balde, que achega aos ordenadores actuais a interface de reprodución multimedia da primeira Xbox, que é para moitos ideal para os usos mencionados, e que na versión para Windows permite o seu uso tanto a pantalla completa como nunha fiestra independente.

PUBLICIDADE