A renovación do portal da Xunta potencia as buscas personalizadas e a visualización dos servizos

martes, 28 de xuño do 2016 Redacción

A Xunta vén de renovar o seu portal, xunta.gal, e fíxoo apostando (entre outras cousas) por unha meirande concreción nas buscas e por ceibar a interface de todo aquilo que puidese interpoñerse entre o usuario e os servizos fornecidos. O novo sitio corporativo, lanzado este 28 de xuño, salienta tamén polo deseño, “máis actual e máis orientado a facilitar a accesibilidade e a usabilidade”. Segundo engade o Goberno galego, o redeseño concédelle meirande protagonismo ao buscador na portada, seguindo a liña do desenvolvido xa noutros portais da administración autonómica, onde grazas a este impulso da funcionalidade rexistrouse un incremento das operacións de procura.
Ademais, o novo portal está adaptado plenamente para o seu uso en todo tipo de dispositivos (deseño responsive). Con isto quérese dar resposta ao incremento de visitas feitas dende trebellos móbiles experimentado nos últimos meses.
Respecto da estrutura eServizos, foi tamén obxecto de cambios e actualizacións debido ao incremento de recursos dispoñíbeis e, tamén, a necesidade de facelos chegar máis directamente á cidadanía e ás empresas. Segundo informa a Xunta, “eServizos dá agora maior protagonismo aos contidos máis relevantes e destaca os últimos ou de maior actualidade”. É o caso, por exemplo, da información sobre o sistema de identificación Chave365 para tramitar en liña sen certificados dixitais. “En eServizos”, engade o Goberno galego, “os cidadáns atopan doadamente toda a información sobre como solicitalo ou como localizar nun mapa as oficinas que realizan as funcións de rexistro de novos usuarios”.
Como dixemos, outro dos obxectivos da reforma do xunta.gal foi fornecer novas dinámicas de busca, agora “máis simplificadas e efectivas”, ao tempo que máis exhaustivas, concretas e personalizadas. Desta maneira e para facernos unha idea das melloras aplicadas, o espazo Temas, ademais de contido actualizado para todas as temáticas e colectivos na sección Para ti, engade a posibilidade de seleccionar a información de interese por “feitos vitais” desde o apartado Que necesitas?. “Deste xeito”, informa a Xunta, “os usuarios poderán buscar información sobre recursos, servizos ou trámites a situacións e necesidades persoais, laborais...”.

PUBLICIDADE