A Xunta pon as novas tecnoloxías da fala ao servizo do galego

xoves, 19 de maio do 2011 Raquel Noya

O conselleiro de Educación estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro

Cando unha persoa sabe moito dun tema resulta moi complicado que poida transmitir o seu saber nuns poucos minutos; pero se a maiores, a esa persoa lle gusta moito o tema en cuestión e lle quere transmitir a súa paixón a todo un auditorio, todo o tempo do mundo resulta insuficiente.
Algo similar foi o que sucedeu hoxe no Centro Multimedia de Galicia, onde a Secretaría Xeral de Política Lingüística celebrou a xornada Letras Galegas e Internet, na que importantes personalidades do eido das letras e das novas tecnoloxías, ofreceron a súa visión persoal sobre o panorama actual galego, lidando unha batalla contra o reloxio, que non lles permitíu dar conta de todo cando desexaban contar.

Alfonso Cabaleiro, Anxo Lorenzo e Xesús Vázquez participaron na xornada que tivo lugar esta mañá

José R. Pichel de Imaxin, Liliana Martínez de Termigal, Antón Meixome de LibreOffice ou Anxela Chillóns da editorial Galaxia, entre outros convidados ao acto, tiñan como “misión” transmitir unha mensaxe de optimismo ás persoas alí presentes, e mostrarlle o “bo camiño” que leva a lingua galega na súa internacionalización, apoiándose na Rede e nas novas ferramentas tecnolóxicas.
A xornada, que foi seguida en directo por multitude de internautas, tiña como fin último contribuír á difusión das novas ferramentas tecnolóxicas en galego dispoñibles na Rede, “para que cada vez sexan máis coñecidas e utilizadas polo conxunto da cidadanía”.
Ferramentas para a corrección e a tradución de textos, dicionarios en liña, recursos para a aprendizaxe da lingua, sistemas de teleformación, software libre, telefonía móbil... a xornada deu de sí todo o que pudo, e aínda así, deixounos a tódalos asistentes con ganas de saber máis sobre estas ferramentas tecnolóxicas postas ao servizo do galego.
As principais novidades en tecnoloxías da fala e da información e da comunicación en lingua galega das que se falaron, viñeron da man da Secretaría Xeral de Medios, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, que colaboraron desinteresadamente nesta xornada xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, que contou con numerosos asistentes, tamén tiña como obxectivo salientar a importancia de "unir galego e tecnoloxía para favorecer o uso do idioma”,algo que resaltou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, na súa intervención.
Internet é hoxe un dos medios máis estratéxicos, apuntou, por iso “a presenza do galego na Rede é imprescindible para garantir que os galegos poidamos desenvolver nesta lingua os nosos actos cotiáns de vida e tamén para garantir o futuro do noso idioma e o noso futuro como falantes”.
Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que interviu con Vazquez na clausura da xornada, destacou que “a presenza do galego en Internet e nas novas tecnoloxías garante o seu coñecemento e recoñecemento internacional que precisa a lingua propia de Galicia”.
Ao longo da xornada tívose presente que “a lingua galega e as novas tecnoloxías son un elemento transversal nos diferentes ámbitos da sociedade” e, en consecuencia, tamén nos obxectivos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Por iso, a xornada Letras Galegas e Internet contou coa colaboración do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, quen participou xunto con Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo na clausura da xornada, e quen puxo de exemplo a implantación da TDT en Galicia como un modelo a seguir para levar a Rede ao cen por cento da poboación no menor prazo de tempo posible.
Novas ferramentas tecnolóxicas en prol da lingua galega

Xesús Vázquez salientou que “unir galego e tecnoloxía é favorecer o uso do idioma, o aumento do seu prestixio e mesmo a súa presenza e recoñecemento internacional”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora no desenvolvemento dalgúns dos proxectos que se deron a coñecer na xornada. É o caso do BuscaTermos, presentado por Xusto Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela; ou do novo corrector de textos Galgo, do que falou José R. Pichel, de Imaxin. Nesta liña de ferramentas que inciden nunha maior calidade do galego escrito tamén se incluíu a tradución en liña, da que falou Liliana Martínez, do Termigal.
O dicionario en liña constitúe outra ferramenta de grande utilidade para a lingua. Un exemplo constitúeo o Digalego, de Ir Indo, que foi presentado na xornada polo director da editorial, Bieito Ledo. Outro dicionario, que neste caso busca favorecer o asentamento dun estándar oral galego, é o dicionario de pronuncia da lingua galega locutado, que foi presentado polo seu responsable, o profesor Xosé Luís Regueira, do Instituto da Lingua Galega. As presentacións dos novos programas informáticos en galego correron a cargo de Antón Méixome, de LibreOffice, que falou dos proxectos de software libre, e de Óscar Senra, de Imaxin, que se centrou nos recursos de software propietario.
O xornalista Manuel Gago foi o encargado de realizar un repaso polos principais recursos audiovisuais na rede, mentres que dos novos títulos electrónicos en galego se encargou Ánxela Chillón, da Editorial Galaxia.
Os novos sistema de formación en liña, os recursos para a etapa infantil na Rede e os terminais das compañías telefónicas foron outros dos temas que se trataron na xornada e que correron a cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Finalmente, o relatorio sobre o dominio .gal, que foi presentado por Camilo Regueiro, da Asociación .gal, pechou as presentacións da xornada.

PUBLICIDADE