A rede social de viaxeiros que comparten coche pon en marcha un novo servizo para atoparmos o compañeiro ideal

venres, 17 de xaneiro do 2014 Redacción

A rede social líder de viaxes centrada en usuarios de vehículos compartidos, BlaBlaCar.es, vén de lanzar unha nova funcionalidade na súa plataforma para aumentar a confianza entre os usuarios: os niveis de experiencia. A partir disto, os membros da comunidade clasifícanse dende principiantes a embaixadores, indicadores clave para facilitar, en palabras dos responsábeis desta rede, “a elección dun acompañante de confianza á hora de viaxar en coche compartido”. Segundo engaden, os novos niveis de experiencia promoven a colaboración entre os usuarios para amosar dunha primeira ollada o grao de experiencia de cada membro da rede social.
Deste xeito, faise máis doada a procura do compañeiro que mellor acaia ás nosas demandas e expectativas. Lembrar que o obxectivo desta comunidade é construír a maior rede de confianza de viaxes entre os máis de cinco millóns actuais de usuarios da plataforma, cousa para a que se están a xerar actualizacións continuas de perfís e valoracións feitas polos propios usuarios sobre os compañeiros. En certa maneira, estamos ante unha proposta semellante á de servizos como eBay, onde hai xeitos de verificar, antes de mercar un produto, que o vendedor dese produto non nos vai enviar unha caixa baleira ou un obxecto en mal estado (sendo el mesmo o principal interesado en que o que mercamos satisfaga as nosas expectativas). Isto acádase grazas a algo tan sinxelo como as valoracións da xente.
Volvendo ao novo servizo de BlaBlaCar, dicir que, como é lóxico, comezaremos sendo membros principiantes no intre que nos deamos de alta na plataforma e validemos o correo. Cunha opinión positiva e un mínimo dun mes de antigüidade, seremos usuarios intermedios. Logo, unha vez superado este nivel e acubillando máis de tres opinións positivas e tres meses de traxectoria na rede social, converterémonos en avanzados. “Para chegar a ser embaixador de BlaBlaCar”, engaden os responsábeis do servizo, “o usuario aínda terá que pasar pola fase de experto e ter, polo menos, 12 opinións positivas, máis de 1 ano de experiencia na comunidade”.

PUBLICIDADE