A rede SmartPEME achega este mes de abril medio cento de obradoiros de dixitalización

mércores, 4 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril nas súas diferentes sedes un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Amais das 8 citas programadas para a sede de Pontevedra das que falamos onte en Código Cero, vanse desenvolver até 47 cursos sobre as máis variadas temáticas TIC, todas elas co nexo común de capacitarnos para emprender máis e mellor e, para o caso de termos unha iniciativa de mercado en marcha, optimizala, visualizala e fortalecela. Este medio cento de accións celebraranse este mes nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Afondarase nas redes sociais, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de programas informáticos, entre outros temas.
Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Citas en Cambados
O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá este 3 de abril ás 19 horas o curso Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. Tras este primeiro obradoiro, o xoves 5 de abril ás 17 horas impartirase Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial. A seguinte semana ás 19 horas terán lugar dous obradoiros de SmartPEME comezando o luns 9 de abril con Facebook marketing e rematando o 12 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. Os obradoiros continuarán o 16 de abril con Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone e o mércores 18 de abril con Linkedin: a túa rede de networking, os dous ás 19 horas. Por último, pecharase o mes de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console, o luns 23 de abril á mesma hora, e con Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o día 25 ás 17 horas.
Obradoiros en Barro
A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Barro terá lugar esta cuarta feira (mércores) 4 de abril co curso Seguridade informática: conceptos básicos ás 19 horas. A seguinte semana, o 9 de abril, ás 19 horas, ofrecerase o obradoiro Crea un servizo privado de almacenamento na nube, e o mércores 11, tamén ás 19 horas, Aplicación de drons na enxeñería e proxectos. Pola súa banda, o luns 16 de abril, impartirase a partir das 11 horas o primeiro módulo de Iniciación ao Arduino, primeiros pasos e, a partir das 13 horas, o segundo módulo. Para rematar, o xoves 19 de abril, ás 11 h, comezará o terceiro módulo e, ás 13 horas, o cuarto e último módulo deste obradoiro. Para finalizar, o martes 24 de abril, ás 19 horas, terá lugar no viveiro de empresas de Barro o obradoiro Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións.
Vídeos profesionais en Deza
As primeiras citas do mes na comarca de Deza terán lugar na Estrada, comezando o día 4 con Sácalle partido á túa conta de Gmail. A seguinte semana, os obradoiros continuarán con Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais, o martes 10 de abril, e Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone, o xoves 12. A seguinte semana, a actividade continuará no Polígono Lalín 2000 o mércores 18 de abril con Xestiona o teu negocio dende móbil e o venres 20 de abril con Plataformas online para crear o teu e-commerce. Pola súa banda, pechará a actividade en Lalín, durante este mes de abril, o curso Claves para a comercialización online no turismo de interior.
En canto á Estrada, o Viveiro de Empresas acollerá o mércores 25 de abril, ás 19 h, o obradoiro A túa páxina web con Wordpress. Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os dos días 10, 12 e 20 de abril, que serán ás 17 horas.
Ferramentas de Google e SmartData
As oficinas en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán, durante o mes de abril 23 novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A primeira cita na oficina de Vigo comezará este martes 3 de abril co curso Google Calendar, moito máis que unha axenda e o día 5 de abril con Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. A seguinte semana celebraranse dous novos obradoiros, o día 10, Transformación dixital nas empresas e produtos turísticos e o 12 de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console.
A seguinte semana comezará en Vigo con SmartData, o CRM como aliado para conquistar o cliente, o 16 de abril, e rematará con Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo, o 19. Pola súa banda, o 23 de abril celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico e o mércores 25 de abril, Mellora a calidade das túas imaxes con editores online. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas na sede da Deputación en Vigo, agás os días 10 e 23 de abril, que comezarán ás 17 horas.
Máis cursos en Ponteareas e O Porriño
En Ponteareas, a axenda comeza tamén este 5 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. O seguinte obradoiro será o 9 de abril, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. Esa mesma semana celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, o 11 de abril. O mes continuará con Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial, o 18 de abril e seguirá un día despois con Claves para a comercialización online do turismo de interior.
Na última semana do mes, chegarán a Ponteareas dous novos obradoiros: Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva, o 24 de abril, e Facebook Ads, o 27 de abril. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea, agás os días 19 e 27 de abril, que comezarán ás 17 horas.
No Porriño as sesións formativas comezan o día 3 con Fai as túas propias fotografías para o comercio electrónico e dous días despois con Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. A rede SmartPEME da Deputación continuará a seguinte semana con Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, o 10 de abril, e con Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online. Unha semana despois, O Porriño acollerá dous novos obradoiros: Optimiza a visibilidade da túa web con Google Seach Console, o luns 16 de abril, e Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o 18 de abril.
Por último, o 23 terá lugar no Porriño o curso SmartData, o CRM como aliado para conquistar ao cliente e o 25 de abril, Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo. Todos os obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello do Porriño e comezarán ás 19 horas, agás os días 10 e 18 de abril que empezarán ás 17 horas.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE