A rede CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra organiza en novembro 40 eventos sobre novas tecnoloxías

luns, 16 de novembro do 2015 Redacción

A fachada do punto CPAE 2.0 de Lalín

A Deputación de Pontevedra vén de lembrarnos o programa de actividades de divulgación e capacitación TIC a desenvolver polo CPAE 2.0 ao longo deste mes de novembro. Trátase, máis polo miúdo, de arredor de 40 eventos informativos. Como recordaremos, o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 da Deputación de Pontevedra é unha rede de centros locais atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías da información. Dende cada punto desta rede, os técnicos prestan un servizo de información a autónomos e PEME da provincia de Pontevedra e ofértalles unha serie de actuacións para potenciar o seu desenvolvemento económico a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación nos seus procesos produtivos e servizos e facilitar a implantación do comercio electrónico. De xeito complementario impúlsase a creación dunha nova canle de venda en liña de produtos e servizos.
Os destinatarios principais do CPAE 2.0 son, sobre todo, os 64.000 autónomos e PEME da provincia de Pontevedra (o 92 % do seu tecido empresarial). A actividade da rede materialízase nunha cumprida serie de eventos informativos nos seus seis centros, en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño.
En concreto, durante as vindeiras semanas o CPAE ten previsto realizar os seguintes eventos de capacitación tecnolóxica: Comercio electrónico para microPEME (17 novembro en O Porriño e 24 novembro en Pontevedra), Google Analytics: iniciación á analítica web (16 de novembro en Ponteareas, 17 de novembro en Lalín, 18 de novembro en Vigo e 25 de novembro en Cambados), Elixe a túa plataforma de comercio electrónico (17 de novembro en Cambados, 20 de novembro en Pontevedra, 21 de novembro en Lalín, 24 de novembro en O Porriño e 27 de novembro en Vigo), Facebook Ads (18 de novembro en Pontevedra), Imos chamar á porta dos teus clientes, posicionamento SEO (21 de novembro en Cambados), Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite (19 de novembro), Problemas coa xestión de reservas? Coñece as últimas solucións TIC (23 de novembro en Lalín e 26 de novembro en Cambados), Google Analytics: interpretación dos datos e toma de decisións (25 de novembro en Vigo, 26 de novembro en Ponteareas e 27 de novembro en Pontevedra), Desenvolve a túa propia estratexia de email márketing (26 de novembro en O Porriño), Bota as túas propias fotografías para e-commerce (27 de novembro en Ponteareas) e Fotografía con smartphones. Android e Ios (16 de novembro en O Porriño e 25 de novembro en Lalín).

PUBLICIDADE