A rapazada de Zas grava, monta e sube ás redes vídeos sobre o seu patrimonio civil

venres, 20 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

As redes teñen potencial para establecer e (tamén) restablecer comunicacións. Na liña de Fálame de San Sadurniño, a experiencia tecnolóxico-dinamizadora de San Sadurniño onde comparten e recuperan vivencias veciñas e veciños de todas as idades (as TIC serían neste caso como un gran local social sempre dispoñíbel e aberto), a xente doutro concello coruñés, o de Zas, está facendo avanzar un proxecto interxeracional onde as redes teñen moito que ver: o proxecto As regueifas dos Pazos.
A través del, a rapazada local está a idear, crear e pendurar vídeos nas redes para pór en valor a arquitectura civil do municipio (casas grandes, pazos) a través de creacións literarias e musicais coa composición de regueifas. As Regueifas dos Pazos, que vén da man do Concello de Zas, rematou xa a primeira parte do seu desenvolvemento coa publicación de varios vídeos en Internet. Trátase de creacións audiovisuais gravadas e montadas polas/os participantes nas actividades: alumnas e alumnos do CEIP Labarta Pose, do CPI de Zas e do IES Maximino Romero de Lema. Neste primeiro treito da iniciativa traballaron nela estudantes de 4º e 6º de Educación Primaria e un grupo mixto de Secundaria.
O principal obxectivo de As regueifas dos Pazos é o de poñer en valor a arquitectura civil do municipio, exemplificada nos seus pazos e casas grandes. A idea do Goberno local é que a través desta iniciativa a xente nova teña oportunidade de coñecer o patrimonio de Zas empregando as novas tecnoloxías, tanto as indicadas para a preparación, gravación e montaxe, como as de edición e distribución nas redes.
Nun dos traballos presentados participan dezasete alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Labarta Pose, xunto coa súa profesora Sinda Cundíns, que realizaron regueifas sobre a casa natal de Labarta Pose, o pazo das Torres do Allo e o pazo do Cruceiro de Zas.
Os cantares de cego foi a temática elixida polos 14 alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria do CPI de Zas que, xunto co seu mestre José Antonio Vázquez Martínez, montaron un vídeo de dous minutos de duración.
O pazo de Daneiro, o de Follente e a Casa do Concello foron os bens sobre os que investigaron un grupo de estudantes do IES Maximino Romero de Lema. Para ver o seu traballo teremos que agardar ata despois do Nadal.
Segundo informa o Concello de Zas, aprimeira parte do proxecto incluíu a celebración dun encontro interxeracional coa veciñanza o pasado mes de novembro no Centro Sociocultural de Baio. Nel, alumnas e alumnos dos tres centros educativos conversaron coas persoas maiores que nalgún momento das súas vidas tiveran algún tipo de relación con algún pazo ou casa grande do noso municipio. Con toda a información recompilada, xunto coa investigación previa realizada nos centros, os grupos compuxeron as súas regueifas, que agora quedan plasmadas nos vídeos subidos.
Ademais da divulgación na Rede dos vídeos, estes interpretaranse nunha visita guiada aos distintos pazos do noso concello que se vai desenvolver á volta do Nadal.

PUBLICIDADE