A rapazada de Valga prosegue a súa formación tecnolóxica na Aula CeMIT

xoves, 31 de agosto do 2023 S. P.

O Concello de Valga deu continuidade á súa formación tecnolóxica para a rapazada neste remate de agosto, logo das sesións de hai uns días das que falamos en Código Cero. Fíxoo na Aula CeMIT, onde se impartiu un novo obradoiro sobre últimas tecnoloxías dirixido á mocidade local: unha actividade de divulgación dirixida a potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte que resulten atractivos para os participantes.
No novo obradoiro déronse cita un grupo de mozos de entre 12 e 15 anos aos que a docente Paula Tubío explicou como funcionan os circuítos eléctricos para que, despois, eles mesmos puxeran en práctica o aprendido con figuras en papel. Ademais, divididos en grupos, tamén gravaron as súas propias curtametraxes en formato stop motion. Empregando papel, luces LED e outros materiais, crearon as súas propias personaxes coas que foron xerando movemento.
Este obradoiro forma parte dun programa de actividades impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG). O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”.

PUBLICIDADE