A quinta edición de Uxianet xunta en Ribeira un cento de afeccionados ás tecnoloxías
xoves, 12 de novembro do 2015
Agora
que os encontros informáticos estatais e autonómicos para a
mocidade están de capa caída, definitivamente, as iniciativas
locais (ligadas a vilas e colectivos concretos) piden paso e
demostran, no ámbito das LAN partys, que é o seu momento. En
parte por ter os obxectivos máis claros e en parte por estar máis
en contacto coa mocidade e os seus intereses (este tipo de partys
locais veñen de asociacións que xuntan xente coma a que queren
congregar). Nesta liña de futuro insírese Uxianet,
a festa informática de Ribeira, que chega á súa quinta edición
esta semana. O seu obxectivo: xuntar un cento de seareiros das novas
tecnoloxías e fomentar, ao máximo, a participación, a colaboración
e o intercambio de coñecemento e habilidades.
A cita
será unha vez máis na Casa da Xuventude local. Ao longo da primeira
xornada de actividades (este venres) irán chegando a dito
emprazamento os seareiros das TIC que quixeron estar presentes para
compartir e intercambiar coñecementos sobre tecnoloxías e coñecer
outras persoas con intereses afíns.
O
evento vén de ser presentado pola primeira tenente de alcalde do
Concello e
responsábel da área de novas tecnoloxías, Fabiola García, e por
Gustavo Llovo e Fernando Ferro no nome da asociación Birus (tamén
estivo no acto o seu colaborador Adrián Martínez). Segundo
lembraron, na festa que se desenvolve esta fin de semana
“participarán arredor dun cento de afeccionados, que é o máximo
que permiten as instalacións”. Por certo que no encontro
inscribíronse persoas procedentes de todos os recantos de Galicia, e
mesmo de fóra da nosa terra. “Do interese que esperta Uxianet”,
informaron os organizadores, “dá conta o feito de que as prazas de
carácter aberto (50 en total) esgotáronse en menos dun día dende a
apertura do período de inscrición”.
A
party
de Ribeira prolongarase até o domingo 15 de novembro. Deste xeito,
informou o Concello, “os usuarios poderán gozar da mesma durante
60 horas ininterrompidas nas que mesmo poderán facer noite no
albergue de que dispón a Casa da Xuventude”.
Fabiola
García enumerou na presentación os obxectivos cos que se organiza
Uxianet: “Conectar directamente uns ordenadores a outros para
acadar velocidades que non se conseguirían cunha conexión caseira
a Internet, grazas ao cal pódense xogar partidas e facer
competicións en xogos multixogador practicamente en tempo real así
como intercambiar arquivos de gran tamaño”. Tamén salientou o
feito de que con encontros coma este contribúese a fomentar a
aprendizaxe.
Pola
súa banda, Gustavo Llovo (Birus) lembrou que a party abranguerá
unha serie de actividades complementarias, por exemplo a celebración
de cinco torneos (Counter strike global ofensive, League of
Legends, Heartstone, Trackmania e
Baskhead) e charlas en aberto sobre Airsoft (a cargo do grupo
Mercenarios do Barbanza), sobre o framework Materialize
(framework baseado en Material Design creado por Google para
crear páxinas web totalmente responsive), sobre radioafección
e receptores de TV e satélites meteorolóxicos, e, tamén, sobre
creación de imaxes en 3D e 2D.