A publicidade chega a Twitter

martes, 13 de abril do 2010 Marcus Fernández

A aposta publicitaria de Twitter é, sen dúbida, pouco innovadora

Despois de varios anos na procura dun modelo de negocio, Twitter vén de dar un decidido paso nesa dirección, estreando os tuiteos patrocinados (Promoted Tweets) con anotacións relativas a compañías coma Sony Pictures, Red Bull, Starbucks, Best Buy, Bravo ou Virgin America, que aparecerán cando teñan relación co contexto, o que pode lembrarnos á publicidade en Google.
Nestes momentos os tuiteos patrocinados aparecen nos resultados de busca en Twitter, aínda que no futuro tamén chegarán ao resto da web do servizo e incluso a aplicacións de terceiros, amosándose só un destes anuncios á vez.
Os anunciantes poderán poxar por palabras chave para colocar as súas mensaxes, baseándose na súa popularidade. Posteriormente buscarán o establecemento dunha métrica que permita xulgar o impacto de cada tuiteo patrocinado baseándose nas súas visualizacións, retuiteos e veces que fose marcados nos favoritos dos usuarios.

PUBLICIDADE