A publicación anticipada dos resultados trimestrais de Google afectan á súa cotización bolsista

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Resulta evidente que o documento publicado anticipadamente era un borrador

Hoxe estaba previsto que Google publicase os seus resultados trimestrais, agardándose que ingresase 11.860 millóns de dólares cuns beneficios de 10,65 dólares por acción pero, en vez diso, os ingresos só foron de 11.330 millóns e cuns beneficios de 9,03 dólares por participación, o que hoxe tivo un especial impacto na cotización bolsista da compañía porque accidentalmente publicou os seus resultados antes do peche da Bolsa, polo que o mercado castigou duramente a Google.
Que a publicación da nota dos resultados fiscais de Google foi accidental resulta evidente, non só por chegar antes do debido, senón porque no texto podía lerse unha frase na que indicaba que faltaban unhas declaracións de Larry Page, deixando así constancia de que o documento difundido era un borrador.
A caída das accións de Google no NASDAQ foi do 9%, e dende a compañía de Mountain View culpan do accidente a R. R. Donnelley, que tería difundido o comunicado con 4 horas de antelación e sen a autorización de Google. Dende R.R. Donnelley aseguran estar a investigar o acontecido.
De todos os xeitos, a caída da cotización de Google non parece estar moi xustificada pois, como ben declarou o director xeral da empresa, Larry Page, tiveron “un trimestre forte” cun incremento interanual de ingresos do 51%, algo que poucas compañías poden dicir na actual conxuntura económica.

PUBLICIDADE