A protección de datos persoais nas administracións, ao detalle na sede da Deputación de Lugo

mércores, 3 de abril do 2019 Redacción

O pazo provincial da Deputación de Lugo, o pazo de San Marcos, vai acoller unha xornada formativa sobre a protección de datos persoais na administración pública. A cita foi presentada este mércores polo voceiro da entidade, Álvaro Santos Ramos, quen salientou algúns dos seus obxectivos principais: ofrecer unha visión sobre as obrigas no cumprimento da normativa en materia de salvagarda de información persoal nos concellos, afondando en aspectos como os conceptos xerais da lei, as obrigas das entidades locais ou a designación da figura do Delegado de Protección de Datos (DPD).
A xornada, que organiza a Deputación de Lugo e a Fundación Democracia e Goberno Local, será o vindeiro xoves 11 de abril, no salón de actos do pazo de San Marcos, de 9:00 a 14:30 horas. O prazo de inscrición está aberto en www.deputacionlugo.gal.
Amais dos devanditos temas, Santos Ramos sinalou que tamén se fará especial fincapé en afondar nas medidas de seguridade na Administración local en relación á protección de datos persoais, e poranse en valor as experiencias levadas a cabo na aplicación da normativa de referencia na Deputación de Pontevedra e os novos retos futuros en materia de rexistro electrónico, transparencia e protección de datos na Deputación de Sevilla.
As Xornadas sobre Protección de Datos arrancan as 9:00 horas coa inauguración oficial a cargo do presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Ramón Camp i Batalla. Ás 9:30 horas terá lugar a conferencia Cumprimento da normativa de Protección de Datos Persoais da Administración local, a cargo da xefa da Área do Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de Protección de Datos, Ana Vázquez Ruiz.
De seguido, ás 12:00 horas, será a conferencia Protección de datos persoais e medidas de seguridade na Administración local, a cargo da licenciada en dereito e directora técnica de Datalawyers, experta en protección de datos e seguridade da información, Eva Rivera Fernández. As 13:00 horas, desenvolverase o relatorio Experiencia levadas a cabo na aplicación da normativa de protección de datos na Deputación de Pontevedra, a cargo do delegado de Protección de Datos da Deputación de Pontevedra, Luís Feijóo García.
As 13:45 horas, celebrarase a conferencia A Deputación de Sevilla ante os novos retos de rexistro electrónico, transparencia e protección de datos, a cargo do secretario xeral da Deputación de Sevilla, Fernando Fernández-Figueroa Guerrero. Por último, ás 14:30 horas, será a clausura, a cardo do xerente da Fundación Democracia y Gobierno Local, José Luís Moreno Torres.

PUBLICIDADE