A produción mundial de discos e filmes segue a medrar... malia a Rede

luns, 22 de xuño do 2009 Redacción

Vendas da industria musical nos EE.UU.

Semella que á Internet e ao declive do negocio da música alguén os meteu hai tempo na mesma saca e xa non hai quen despegue un concepto do outro. A isto teñen contribuído en boa medida as sociedades de xestión dos dereitos de autor, que seguen na súa teima de facer que os seareiros se sintan coma pecadores cada vez que comparten cancións ou van escoitar un concerto de balde ou a prezo accesible. Porén, así como hai estudos dirixidos a certificar que a Rede mata á música (querendo dicir ao negocio tradicional da música, pero curiosamente sen dicilo), tamén os hai encamiñados ao contrario. Un exemplo disto é o que acaba de chegar ás nosas mans procedente dos economistas Felix Oberholzer-Gee e Koleman Strumpf, dous investigadores que no estudo File Sharing and Copyright feito para a Harvard Business School desvelan que dende a chegada da Internet non só se produciron máis cancións, senón tamén máis filmes.
O informe, dado a coñecer por Música Online 2.0, semella orientarse cara a desmontar a idea xeneralizada de que compartir ficheiros aniquila a produción de discos e películas, cousa certa para a produción máis tradicional, pero non tanto para a que se adapta aos novos tempos: así como se ten constatado que as vendas de discos levan caendo dende 2000, non ocorre o mesmo co número de discos gravados. Naquel ano editaranse 35.516, sendo os publicados sete anos máis tarde case 80.000. Máis ou menos o mesmo ocorre coas restantes industrias creativas: a cifra de filmes producidos en todo o mundo pasou das 3.807 películas realizadas en 2003 ás practicamente 5.000 de 2007. Isto que é ben aplicable a Occidente, acontece aínda con maior intensidade en países como China ou Corea do Sur (que pasou de 80 a 124 filmes). A resposta a este fenómeno, que dalgún xeito semella desmentir que a industria cultural está ferida de morte a nivel mundial, probablemente estea no incremento da información e das posibilidades de acceso que teñen os seareiros cara a estes produtos. Segundo se conta no dito informe, a razón estaría nisto: “Aplicar descoidadamente o copyright beneficia á sociedade”.

PUBLICIDADE