A privacidade informativa e as técnicas de control TIC, a debate nun curso na USC

venres, 9 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación Santiago acollerá no vindeiro mes de setembro unha actividade docente encamiñada –entre outras cousas- a pór de relevo os novos usos e costumes de quen restrinxe a liberdade informativa da cidadanía ou se apropia desa liberdade a costa de outros; usos e costumes achegados, cada vez máis, a través das novas ferramentas da era dixital. O evento, que se celebra os días 9 e 11 de setembro e inclúe 15 horas lectivas, conta con Ramom Lôpez-Suevos Fernández en labores de dirección e con Rosa María Verdugo en tarefas de secretariado.
A actividade, con cabida para 200 persoas, leva por título Redefinindo a privacidade: Orwell 2010. Conta ademais con cofinanciamento da CIG (Confederación Intersindical Galega) e do observatorio para a defensa das liberdades Esculca, cuxa web informa xa polo miúdo deste evento formativo e informativo.
Entre os temas a tratar inclúense as novas faces que a desinformación adquire (de xeito paradoxal) na Sociedade da Información, as tecnoloxías e a privacidade internacional (cuestión que será desenvolvida por Ben Hayes) ou as técnicas de control de última xeración (tema a tratar por Rosendo González).
O programa do 9 de setembro, xornada inaugural, ficaría deste xeito:
9:00 Inauguración do curso
9:30 Tecnoloxías e privacidade internacional. Ben Hayes, director do Observatorio Europeo de Statewatch e Documentación Centro de Xustiza e Asuntos de Interior na UE.
12:00 Técnicas de control. Tecnoloxías dixitais.Rosendo González, Investigador de Movementos Sociais, Universidade da Coruña
10 de setembro
9:00 A seguranza como xestión de riscos. David San Martín Segura, investigador na área de Filosofía do Dereito, Universidad de La Rioja
12:00 A industria da seguranza. Agustina Iglesias Skulj, asesora en materia lexislativa do goberno boliviano e investigadora da área de Dereito penal da Universidade da Coruña
O programa do 11 de setembro sería este:
9:00 Dereitos fundamentais e control do Estado. Iñaki Rivera Beiras, Profesor Titular de Dereito Penal da Universitat de Barcelona e director do OSPDH (Observatori del Sistema Penal i els Drets Humans).
13:30 Clausura do curso.

PUBLICIDADE