A prestixiosa proba internacional Open AI Competition 2021 terá presenza galega

venres, 9 de abril do 2021 S. P.

Estudantes de Enxeñaría de Telecomunicación foron seleccionados para participar nunha competición internacional de Intelixencia Artificial, a Open AI Competition 2021, evento impulsado por Microsoft, Intel e OpenCV co obxectivo de responder aos desafíos ODS (os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas para 2030). Á proba, na que concorren máis de 1.400 inscritos a nivel mundial, só conseguiron chegar catro equipos do ámbito estatal. A proposta galega é unha tecnoloxía para mellorar a comunicación das persoas con mobilidade reducida.
Nesta edición inscribíronse como dixemos máis de 1400 equipos a nivel mundial, dos que a organización seleccionou para pasar de fase 250, entre eles a contribución aidTalk-EET UVigo, un proxecto creado por catro alumnos de Enxeñaría de Telecomunicación co que se busca mellorar, a través da mirada, a comunicación das persoas que teñen a súa mobilidade extremadamente reducida e grandes dependentes.
Detrás desta tecnoloxía están os alumnos Eduardo Rodríguez, José González-Solla, Pablo Fernández e Alfredo González, titorizados polos profesores Francisco Javier Diaz e José María Pousada. “A nosa idea foi crear un sistema de comunicación texto a voz controlado coa mirada a un custe reducido, xa que as solucións que hai no mercado actualmente ou son caras ou teñen un hardware moi limitado”, explica Alfredo González, quen recoñece que na mente de todos eles estaba ACAT, o sistema empregado polo falecido Stephen Hawking, “aínda que o funcionamento do noso sistema é moi diferente a funcionalidade que buscamos é similar”.
O seu obxectivo foi dende o comezo alcanzar unha solución “versátil, accesíbel e de baixo custe, pondo o enfoque social por diante do comercial”, tratando de achegar unha solución ao mercado que na actualidade “está moi limitado por características técnicas ou dependen de equipos extremadamente caros”.
Como premio por pasar de fase recibiron o material técnico que precisaban para a posta en marcha do proxecto: dous equipos Luxonis OAK-D, “que son uns sistemas de cámaras cun procesador embebido deseñados especificamente para aplicacións de visión por computador”, así como diferentes recursos técnicos e documentais provistos por Microsoft, Intel e OpenCV.
Para a posta en marcha deste novo sistema deseñaron catro áreas de traballo. Actualmente teñen unha primeira aproximación ao prototipo en tres das catro e, de xeito simultáneo, traballan xa na cuarta área, así como na integración do sistema completo para obter o primeiro prototipo funcional. Se ben a competición remata o vindeiro 11 de xullo, equipo da UVigo ten un reto previo: a súa presenza nos LPRO Days, previstos para mediados de maio, a cita na que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que está a piques de titularse amosa ante o sector empresarial os seus proxectos.

PUBLICIDADE