A presidenta do Parlamento achega o seu compromiso para garantir que Movistar dea servizo en galego

luns, 11 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Mesa segue a loitar pola inclusión da nosa lingua nos servizos das operadoras de telefonía móbil que operan na nosa terra. Segundo se conta na web da plataforma a prol da lingua galega, os moitos esforzos despregados neste senso semella que están a obter resultados. Sen ir máis lonxe, a presidenta do Parlamento comprometeuse xa coa Mesa para conseguir que a concesionaria da telefonía móbil da Cámara, a firma Movistar, garanta o servizo na nosa lingua, proceso que se decidirá nun prazo máximo de dous meses. A nova foi dada a coñecer a semana pasada logo dunha xuntanza mantida entre Pilar Rojo e Carlos Callón, presidentes do Parlamento e da Mesa pola Normalización Lingüística, respectivamente.
A xuntanza serviu entre outras cousas para intercambiar opinións sobre a situación do noso idioma e sobre o que Callón considera un incumprimento da Lei de normalización lingüística ou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Tras encontro con Rojo, Callón valorou de xeito positivo o devandito acordo sobre telefonía e promoción da lingua, facendo fincapé en que “a súa concreción non só vai beneficiar os dereitos lingüísticos das deputadas e dos deputados, senón os do conxunto da cidadanía, xa que a empresa concesionaria vai aumentar o seu persoal capacitado para poder respondernos no noso idioma”.
Segundo fixo saber Callón, Movistar está a infrinxir unha lei aprobada por unanimidade no propio Parlamento, que estipula que as empresas que dean servizos desta índole deben asegurar que calquera persoa poida falar en galego sen ningún atranco. Porén, engadiu, “a día de hoxe a circunstancia paradoxal de que as liñas móbiles da Xunta e do Parlamento non teñen opción para que Movistar os atenda en galego, xa que se trata de liñas de empresa, e para esas Movistar non ten servizo no noso idioma”. E engadiu ao respecto: “Mentres o galego está excluído, resulta que Movistar oferta poder falar desde Galiza en castelán, catalán, italiano, inglés, francés e alemán. E logo nós non existimos?”.

PUBLICIDADE