A presenza feminina e o espírito tecnolóxico marcaron a cuarta edición do coworking de Barrro

xoves, 30 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Este martes celebrouse a clausura da cuarta edición do centro de coworking de Barro, que, co impulso da Deputación de Pontevedra e a EOI (Escola de Organización Industrial) deu acubillo a 19 proxectos marcados pola presenza feminina e tecnolóxica (11 deles foron liderados por mulleres). Na clausura participou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, quen enxalzou o “ambiente extraordinario” e a “relación humana potente” que xurdiron entre as persoas que impulsaron "propostas espectaculares" na cuarta edición do coworking de Barro.
Segundo se fixo saber na clausura, os 19 proxectos que ocuparon cadanseus espazos de balde no viveiro de empresas de Barro recibiron acompañamento individualizado e formación específica para garantir o éxito das súas respectivas aventuras de mercado. O acto serviu tamén para escoitar ás persoas emprendedoras que deron a coñecer os seus proxectos vencellados ás novas tecnoloxías, a moda, a cosmética, a construción, a gastronomía, a mercadotecnia e a comunicación, entre outras.
As novas iniciativas empresariais presentáronse nun Demoday estruturadas en catro bloques: Creatividade e produtos sustentábeis, Servizos a PEME, Proxectos tecnolóxicos e Conectando coas emocións.
Ao abeiro do primeiro marco presentaron os seus proxectos Lara Viñuales, con Par y escala; María Mosteiro, con Mosqui; Cristina González e o seu Misia Project; Lucía Viana con Más de campo que las Amapolas; Iago Radio con Paporroibo; Victoria Martínez e Millo Corvo e Miguel Ángel Abilleira coa iniciativa Decove. En canto a Servizos a PEME púidose escoitar a Oscar Prats dando a coñecer Pontesat; Mónica Martínez e o seu proxecto Mochi Maceira; Alberto Turégano con Aisling Marketing; Pablo Parada con Omnia e María José Sánchez con Mjbolboreta. No bloque Proxectos tecnolóxicos incluíuse a presentación de tres proxectos emprendedores: Aran Feijoo impulsado por Aran Feijoo, Apparcamiento creado por Raúl Cadenas e Contrátate de Ángel Vidal. Finalmente no marco de Conectando coas emocións presentáronse Con Calore de Hardiana Ordóñez e The House of Fools de Virginia Gil de la Puente.
O peche da cuarta edición do coworking de Barro vén tamén marcado pola apertura do prazo para participar xa na quinta edición do programa. Así, a partir de mañá mércores, 29 de xaneiro, todas aquelas persoas emprendedoras da provincia interesadas en impulsar proxectos en fase temperá ou novas ideas empresariais poderán realizar xa as súas inscricións na nova edición do programa.

PUBLICIDADE