A presente edición do Enredando Tour remata con máis de 140 participantes

martes, 3 de outubro do 2023 Redacción

Máis de 140 persoas participaron nas distintas actividades da iniciativa Enredando Tour, organizada pola Cruz Vermella e a AMTEGA, para impulsar a autonomía dixital das persoas con 55 ou máis anos, pechando esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia autonómica, Miguel Rodríguez Quelle; e o presidente comarcal de Cruz Vermella na capital galega, José Luis Barreiro Conde.
O circuíto, que se desenvolveu entre o 10 de xullo e o 27 de setembro, percorreu unha vintena de localidades das catro provincias galegas. En cada unha das 20 localidades instalouse unha furgoneta equipada con materiais dixitais de Cruz Vermella, desde a que se ofrecían 4 obradoiros para elixir: navegar pola Internet e correo electrónico; utilizar a mensaxería instantánea para comunicarse; facer xestións cotiás co Sergas, banca electrónica ou compras en liña ou ben coñecer a factura electrónica. Os participantes podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes dispositivos (móbil, tableta ou portátil).
Un dos aspectos destacados desta iniciativa é o de fomentar o achegamento da contorna dixital ás persoas que viven en núcleos rurais grazas á furgoneta que transporta os dispositivos e accesorios necesarios. As aulas móbiles localízanse en zonas céntricas ou prazas, o que facilita ao máximo a asistencia das persoas, non tendo que desprazarse a unha cidade ou a outro pobo.

PUBLICIDADE