A plataforma informática de Caixa Galicia terá continuidade logo da fusión

xoves, 16 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se de algo se ten falado nos medios galegos nos últimos tempos é do prolongado proceso de fusión das caixas galegas. Porén, e malia que a fusión semella xa ser unha realidade, nada indica que as cousas vaian mudar moito nas vindeiras semanas no eido do seguemento informativo. De feito, de agora en adiante toca falar das especificidades e dos requerimentos que acompañarán o proceso, como se pode supoñer especialmente delicado. Isto aféctalle tamén ao tecido informático das caixas, unha serie recursos que constitúen a día de hoxe un dos grandes piares da súa actividade e que achegan unha serie de dúbidas sobre a natureza da súa continuidade. Pois ben, a plataforma informática de Caixa Galicia será a mesma que empregará a entidade financeira que collerá corpo a finais de ano como froito da devandita fusión con Caixanova.
A nova, que fóra de toda dúbida ben pode ser interpretada como un sinal do bo facer do departamento de informática de Caixa Galicia, supón tamén un recoñemento ao labor despregado nestes anos por José Manuel Valiño, até o de agora director xeral adxunto de Sistemas da entidade con sede na Coruña e a partir de finais de ano director da área de Tecnolóxia e Sistemas. Esta decisión responde a unha valoración positiva do traballo despregado por Caixa Galicia en materia de emprego de novas tecnoloxías, traballo que vén de levar á entidade “a outro nivel” en materia de informatización.

PUBLICIDADE