A plataforma #galegoempresas colle pulo este xoves no consistorio de Bertamiráns

martes, 4 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Os concellos de Ames, Santiago e Teo puxeron marcha en febreiro unha plataforma web de balde (a plataforma #galegoempresas) para subliñar a importancia de achegar produtos e servizos en galego, visualizando o importante labor das empresas locais que apostan nas súas comunicacións e promocións pola lingua de seu. A web, dispoñíbel en galegoempresas.santiagodecompostela.gal, será impulsada este xoves 6 de xuño polo Concello de Ames dende a sede do consistorio en Bertamiráns, nunha xornada-presentación aberta ao público en xeral e, por suposto, ás empresarias e empresarios interesados en coñecer esta ferramenta de difusión.
En termos máis concretos, #galegoempresas ten como obxectivo facilitarlle á cidadanía o coñecemento e o acceso á oferta en galego no sector socioeconómico, ao tempo que recompensa a responsabilidade social das empresas ou negocios que usan a nosa lingua cunha maior difusión e visibilidade dos seus produtos ou servizos. Ademais, o servizo permite dispoñer de datos sobre o uso do galego de cara a mellorar as actuacións de dinamización lingüística que se realizan neste ámbito desde o eido municipal.
A cita no consistorio de Ames comezará a partir das 16.00 horas e incluirá unha breve exposición dos obxectivos que impulsan o proxecto, así como das posibilidades que ofrece a plataforma, tanto para as persoas usuarias como para os establecementos e negocios interesados en coñecer esta nova ferramenta gratuíta.
Segundo explica o Concello, as empresas interesadas e incorporarse á plataforma poden facelo de xeito sinxelo, accedendo á mesma e cubrindo o formulario de autodiagnose. Unha vez que sexa validado polo servizo de normalización lingüística municipal, recibirán unha mensaxe para que completen a información coa que se queren presentar publicamente, como o logo, datos de contacto, descrición, imaxes, web, redes sociais. A partir dese momento, a súa ficha está dispoñíbel para o público xeral cos datos que as empresas queiran facer públicos para difundirse e cunha valoración da porcentaxe de uso do galego que ofrecen.
Logo, a nivel de usuarios de a pé, podemos realizar buscas por localización xeográfica e por sector, ou atopar o establecemento do noso interese de maneira directa para ter todos os seus datos de contacto á man.

PUBLICIDADE