A plataforma galega eHabilis sitúase entre as dez mellores iniciativas do Talent Summit

xoves, 20 de decembro do 2018 Redacción

A empresa galega SDweb, con sede en Santiago e especializada en desenvolvemento web e formación-comunicación dixital, vén de obter un importante recoñecemento pola súa plataforma eHabilis, innovador sistema para a aprendizaxe a distancia (e-learning) e a xestión de datos na nube. A distinción veu da man da Fundación Transforma España, da que forman parte a Asociación Para el Progreso de la Dirección (APD), La Caixa, Banco Santander, Grupo Cofares, Telefónica ou Adecco, entre outras organizacións. A fundación sitiou a eHabilis entre as dez mellores iniciativas tecnolóxicas especializadas na xestión do talento e do coñecemento. A orixe deste logro está na participación de eHabilis no certame Talent Summit, impulsado por Transforma España.
Este recoñecemento é especialmente significativo se temos en conta que chega nun importante intre de medre e espallamento para a empresa compostelá, que vén de inaugurar na capital galega unha factoría de software de máis de douscentos metros cadrados para afianzar o seu proxecto de crecemento e expansión a novos mercados dende Santiago.
Con case dez anos no mercado, a compañía tecnolóxica galega SDweb Solucións Dixitais está especializada en tecnoloxías TIC para impulsar a capacitación e o adestramento. Os seus ámbitos principais de actividade son, polo tanto, a innovación, a especialización, o re-investimento de beneficios e máis a orientación a produtos tecnolóxicos.
Segundo nos conta Antonio Carro, director xeral da empresa compostelá, eHabilis é unha plataforma de xestión do coñecemento corporativo na nube cun amplo espectro de aplicación. O seu principal obxectivo é “transformar o modelo tradicional de xestión do coñecemento nas organizacións, esencialmente dominado pola simple execución de plans anuais de formación, en moitas ocasións sen dispor dunha información clara e obxectiva das necesidades reais dunha organización”. A base de eHabilis, unha das súas principais razóns de ser, é mudar o devandito enfoque “cara a un modelo que permite a estas organizacións sacar o máximo partido ao coñecemento do seu equipo humano, antepondo o descubrimento e difusión do coñecemento interno á procura de coñecemento no exterior; e implementando unha estratexia lúdica de aprendizaxe grazas ao concepto de gamificación que incorpora en todos os seus niveis”, explica Antonio Carro.
Para Brais Martínez, responsábel de Produto de eHabilis e responsábel de Desenvolvemento de Negocio en SDweb, a participación no Talent Summit 2018 supuxo “un respaldo moi importante ao duro traballo realizado até a data polo equipo humano que desenvolve a plataforma eHabilis, dado que crear e difundir no mercado un produto tecnolóxico que sexa recoñecido como vangardista é realmente difícil”.
Pola súa banda Ricardo Della-casa, responsábel da sede da empresa en Barcelona, pon o foco na “elevada competencia que existe na carreira por desenvolver solucións cada vez mellores e máis eficientes, onde é moi difícil manterse nas primeiras posicións de forma continuada”.
En opinión de Juan Casanova, responsábel de Tecnoloxía da plataforma, “chegamos ata aquí grazas a que contamos con persoas moi cualificadas e implicadas no proxecto, que ademais están apoiadas por unha visión e investimento constante da compañía en innovar e desenvolver nova tecnoloxía”.

PUBLICIDADE