A plataforma galega Wecoop presentouse no mercado 3D Wire

martes, 18 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O audiovisual galego busca o sitio no mundo e dase a casualidade de que non só non se descartan as novas redes e tecnoloxías para acadar meirande distribución, promoción e comercialización, senón que se aposta de cheo por elas. Ou sexa, tirando partido da forma externa e tamén do xeito de traballar que algunhas plataformas e comunidades sociais propoñen: o traballo en común, cooperativo e rendíbel. Nesta liña vai Wecoop, proposta galega da que falamos nesta web e que xorde para favorecer a metodoloxía do crowdsourcing entre os creadores, produtores, distribuidores e (tamén) espectadores. Ou sexa, que xorde para fomentar a cultura do traballo colectivo neste sector. Pois ben, segundo puidemos saber este martes, Wecoop foi presentada polo miúdo este venres 14 en Segovia, no marco do mercado 3D Wire (especializado en animación e videoxogos), onde participou activamente o produtor Pancho Casal, responsábel da iniciativa.
Segundo fixo saber, Wecoop é unha ferramenta participativa que nace para achegar solucións a unha industria audiovisual en pleno proceso de transformación e á que cada vez lle custa máis facer fronte aos actuais custos de produción. Por certo que o neoloxismo de crowdsourcing vén de crowd ("multitude") e sourcing ("materia prima" ), e indica un avance ou evolución do outsourcing cara á sociedade e economía creativa. O crowdsourcing, indicou, opera deste xeito: “As empresas propoñen un tema ou problema a resolver e recompensan a persoas anónimas como científicos de garaxe, estudantes, traballadores independentes ou curiosos que dan solución a devandito dilema”. Polo tanto, a filosofía de cooperación que potencian as novas redes, sería a base sobre a que se apoia esta comunidade de traballo, un foro-obradoiro onde se dean cita profesionais de todo o mundo, nun principio do ámbito iberoamericano, ofrecendo deste xeito “un ecosistema para a xeración e desenvolvemento de proxectos xunto á captación de talento global”, engade Pancho Casal. Resumindo, a idea é fomentar a creación de contidos globais cunha calidade e orixinalidade moito maiores e, por outra banda, con custos máis reducidos. Wecoop, como dixemos, está dirixido a produtoras e profesionais independentes e usuarios/seareiros do sector audiovisual. Haberá diferentes tipos de participación e distintas formas de asociarse a unha plataforma na que a cooperación será a base para desenvolver, producir e comercializar contidos audiovisuais.

PUBLICIDADE