A plataforma en liña a favor dos medios en galegos xa superou as 3.000 sinaturas

xoves, 9 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se onte falabamos neste mesmo medio da posta en marcha da plataforma en liña Os medios en galego importan e da obtención das 1.000 primeiras sinaturas, hoxe temos que dar conta dun salientable medre nese proceso de colleita, sendo xa máis de 3.000 os apoios recibidos a última hora do mércores. Como lembraremos, o obxectivo desta iniciativa é a de acadar a máxima repercusión na sociedade galega na defensa da lingua propia nos medios informativos, agora que a presenza das canles que apostaban por ela vén de diminuír de xeito notable. Segundo se fai saber en Galicia Hoxe, o manifestou contou entre os seus primeiros asinantes con figuras de renome no eido da cultura e da comunicación da nosa terra, como por exemplo a dos xornalistas e escritores Manuel Rivas, Ignacio Ramonet e Ramón Chao Rego, a do presidente da Mesa (Carlos Callón) ou a do presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego, Xavier Cea.
Tal como se fai saber no comunicado-manifesto que acompaña á iniciativa, cómpre pechar fileiras arredor da seguinte realidade: “Os medios resultan imprescindibles para que o galego estea vivo e medre con futuro”, polo que é necesario (sinálase) recadar o maior número de apoios de dende tódalas frontes.
Con todo, ao mesmo tempo que se multiplican as achegas de colaboración, tamén se erguen voces de rexeitamento, como por exemplo a de Xaime Frías, quen nun artigo en GalizaLivre recoméndalle aos internautas descubrir “a verdadeira causa do peche de A Nosa Terra”, proceso que xunto co cese de actividade doutras canles como Vieiros ou Chuza! motivou a posta en marcha da dita plataforma e manifesto. A xuízo de Frías, o principal motivo do peche de A Nosa Terra radica na “mala xestión da empresa” e non tanto no que se apunta na iniciativa en liña posta en marcha os días pasados: a falta de apoios.

PUBLICIDADE