A plataforma en liña Keweno chega xa aos 2.500 restaurantes en 35 países

martes, 27 de outubro do 2015 Redacción

A aceleradora internacional Telefónica Open Future, na que se insire Galicia Open Future, segue a achegar información sobre os logros das súas “aceleradas”. Agora é a quenda de Emtrics, firma madrileña acelerada por Wayra (Telefónica Open Future), que vén de anunciar que a súa plataforma de enquisas privadas na nube para o sector da hostalaría, de nome Keweno, superou xa a liña dos 2.500 restaurantes acubillados (locais espallados por 35 países, sendo a previsión chegar aos 3.000 en máis de 40 países co remate de 2015). Aos clientes, Keweno posibilítalles cousas como coñeceren as opinión dos usuarios respecto dun restaurante, de xeito anónimo e dende o aparello móbil.
Aos hostaleiros, permítelles recibir en tempo real as notificacións e comentarios para a súa valoración e análise, achegándolles a posibilidade de contactar cos propios usuarios do servizo, se así o permiten estes, para responder os seus comentarios,
Ademais de en España e Latinoamérica, Keweno tamén está presente países como Estados Unidos, India, Canadá, Irlanda, Francia, Alemaña, Suráfrica, Sri Lanka, Illas Mauricio, Tailandia e Maldivas. Desde o seu lanzamento os clientes dos restaurantes responderon a máis de 1 millón de preguntas e recibíronse máis de 100.000 comentarios. Keweno conta na súa carteira de clientes con marcas como Melia Hoteis, Fosters Hollywood, Ribs, Tony Romas, Dominos Pizza, La Vaca Argentina, Hamburguesa Nostra, Pans & Company ou Cañas y Tapas.
Segundo apuntan os creadores da plataforma, “Wayra axudounos en moitas fases do proxecto, tanto na definición e validación inicial do mesmo, como na procura de financiamento e socios comerciais, o que se traduciu na captación de máis de 250 restaurantes mensuais que nos permitirán máis que quintuplicar o número de establecementos que tirarán partido da nosa ferramenta nos vindeiros 3 anos”. Emtrics tamén anunciou a incorporación de novas facilidades, como a posibilidade de incluír unha comparativa con outros restaurantes co mesmo tipo de comida ou que estean emprazados na súa zona xeográfica, “o que ofrecerá aos hostaleiros maior información sobre o seu negocio fronte á súa competencia máis directa”.

PUBLICIDADE